O centro cultural A Fábrica de Oleiros proxectará o documental Cambia de Papel

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioOleiros
A-
A+

O vindeiro xoves 10 de outubro ás 20:30  poderemos asistir á proxección do documental Cambia de Papel no centro cultural A Fábrica (Rúa do inglés, 13, Perillo, Oleiros) coa presenza da escritora e fundadora da ONG María Raimóndez e de Manimekalai da Bharatidasan, profesora na universidade de Tiruchy (India) e colaboradora de Implicadas no desenvolvemento.

Partindo do exemplo da actividade da ONG galega e da súa contraparte en Tamil Nadul (India), PDI, a lungametraxe reflexiona sobre  cómo mudando a percepción que cada un de nós ten de sí mesmo e do seu papel na sociedade, podemos motivar un cambio real no mundo que nos arrodea. A historia está contada a través do testemuño de dez persoas. Un xeito narrativo intimista que pretende poñer foco nos protagonistas e afastarse do estilo puramente informativo que adoitan ter os documentais para adentrarse nas percepcións subxectivas dos seus protagonistas.

O filme está dirixido e producido pola propia Raimóndez, Luís Tosar (o actor e socio e colaborador de Implicadas) e Kutti Revathi (escritora, cineasta e editora da revista feminista Panikkudam, colaboradora activa nos proxectos da ONG en India).

Implicadas no Desenvolvemento é unha organización galega de cooperación fundada no ano 1998. Basea o seu traballo na procura da igualdade de xénero como único xeito de acadar un desenvolvemento humano sostible e perdurable. Implicadas entende a loita contra a pobreza coma un exercicio de responsabilidade da cidadanía do Norte e a busca de espazos para que a cidadanía do Sur, e en concreto as mulleres, podan tomar decisións sobre as súas vidas. Para saber máis sobre as súas actividades podedes visitar a súa páxina web www.implicadas.com ou o seu facebook www.facebook.com/implicadas

7 de outubro de 2013 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.