O CEIP e o IES Lamas de Abade melloran as súas instalacións cunha inversión conxunta que supera os 375.000 euros

Vázquez Abad na visita ao centro
O IES e o CEIP Lamas de Abade (Santiago de Compostela) contou nos últimos anos cun investimento de máis de 375.000 euros para a mellora das instalacións e mais para a posta en marcha de programas para a mellora da calidade educativa. Xesús Vázquez estivo acompañado nestas visitas a centros polo xefe territorial da Consellería na provincia da Coruña, Indalecio Cabana; e polos directores do IES, María Dolores Picón García; e mais do CEIP, José Miguéns Esparís.
Na súa visita ao IES Lamas de Abade, o conselleiro salientou o investimento de mais de 239.000 euros neste centro nos últimos cursos, ao abeiro do que se realizaron melloras nos talleres e aulas dos ciclos formativos, renovouse a cuberta e reparouse a instalación eléctrica e mais o grupo electróxeno do instituto. Ademais, lembrou que o centro participa no proxecto Abalar desde o seu primeiro ano de funcionamento, polo que conta con 4 aulas, dotadas con 84 ordenadores ultraportátiles; e conta con 5 seccións bilingües en todos os cursos da ESO, nas materias de Educación plástica e visual, Ciencias da natureza e Física e química. O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia interesouse tamén polas actividades desenvolvidas na biblioteca escolar do centro.
Xesús Vázquez agradeceu á comunidade educativa do centro a súa implicación na iniciativa de contratos-programa, na que xa presentaron a súa solicitude para continuar este curso. De feito, no 2012/2013 o centro asinou un contrato-programa coa Consellería en dúas liñas, a de reforzo, orientación e apoio -na modalidade de acompañamento fóra do horario escolar- e na dirixida a acadar a excelencia educativa. Deste programa implicou en total a 30 alumnas e alumnos.
CEIP Lamas de Abade
Na súa visita ao CEIP Lamas de Abade o conselleiro salientou o investimento de mais de máis de 136.000 euros ao abeiro do que se realizaron melloras na sala de caldeiras e nos estores da planta baixa do centro; e se implantaron no colexio os programas educativos punteiros da Consellería. Neste sentido lembrou que o centro participa desde o curso 2011/2012 no Abalar, que a día de hoxe ten instalado en 4 aulas, cunha dotación de 94 netbooks.
Ademais, o centro volveu solicitar para este curso participar na iniciativa dos contratos-programa, que no 2012/2013 implicou a 30 estudantes na liña de reforzo, orientación e apoio, na modalidade de acompañamento fóra do horario escolar. Así mesmo, a biblioteca do centro desenvolve numerosas iniciativas en prol do fomento do hábito lector, e de feito está integrada no PLAMBE desde o curso 2006-07.











