O Carballiño organiza o próximo 13 de outubro o 9º Día da Bici
Un ano máis a área de Deportes do concello do Carballiño organiza o Día da Bici, dirixido a todos os veciños, trátase dun paseo en bicicleta polo Carballiño, na que participan pais, fillos e mesmo avós, fomentando así o uso deste medio de transporte, e ao mesmo tempo animando ás familias a practicar deporte e realizar actividades en conxunto.
Este ano ademais o Día da Bici do Carballiño servirá para iniciar unha campaña de sensibilización entre os condutores, promovida pola Federación Galega de Triatlón, na que se recorda a necesidade de respectar os ciclistas nas estradas, e esa distancia mínima á hora de adiantalos, 1,5 metros.
Por outro lado o Día da Bici conta un ano máis co patrocinio da Praza de Abastos do Carballiño, lugar onde se presentou esta edición, así como doutras firmas como Gadis, Aparta Hotel Arenteiro, Autocares Rodríguez e Coca Cola.
A proba terá lugar o próximo 13 de outubro, con saída dende a Pista Vermella e chegada no mesmo lugar. As inscricións poderán realizarse dende o 7 de outubro na área de Deportes. A organización avisa de que será obrigatorio o uso do casco.











