O Carballiño inicia un obradoiro de emprego para mellorar a praza da Veracruz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Carballiño
A-
A+

O próximo 31 de outubro comezará un novo obradoiro de emprego, tras as xestións realizadas dende a concellaría de Traballo e Industria que dirixe a edil Teresa Cerdeira, e que será compartido co veciño concello de San Amaro. Baixo o nome Agrupación O Carballiño-San Amaro, realizarase un investimento de 250.000 euros, dirixidos á formación profesional de 21 veciños no caso da vila carballiñesa, durante 6 meses.

Esta nova aposta laboral contará, no concello carballiñés, con dous módulos, xardinaría e albanelaría, con sete alumnos en cada un deles, ademais dun director, un administrativo, dous monitores en cada módulo e un profesor de compensatoria.

As accións que desenvolverán estes alumnos centraranse en melloras da nova praza da Veracruz, tales como a creación de bordos que delimiten as zonas verdes e os camiños, ou a empedrada de todo o perímetro do templo de Palacios. Tal e como afirmaba o alcalde “son traballos necesarios para finalizar esta gran praza, e que non puideron levarse a cabo pola limitación de presuposto co que contou o proxecto, unha vez tivéronse que realizar os traballos de derrubamento dos muros e outras accións para desenvolver a actual praza”.

Tamén se dotará a esta praza, a través do obradoiro de emprego, dalgúns bancos e árbores, poucos e pequenos, para que non desvirtúen a actual fisionomía desta praza.

A selección dos alumnos traballadores realizarase o próximo 10 outubro, ás 17:30 horas.

2 de outubro de 2013 | 13:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.