O campo de fútbol do Milladoiro contará cunhas gradas cubertas por valor de máis de 91.530 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAmes
A-
A+

A Deputación da Coruña aprobou no pleno celebrado o pasado venres a sinatura dun convenio de colaboración co Concello de Ames para dotar ao campo de fútbol do Milladoiro de bancadas cubertas. En levar a cabo esta actuación, destinarase un orzamento total de 91.536,56 euros.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, agradeceu o compromiso da Deputación con Ames e destacou a importancia deste investimento, “que permitirá subsanar unha importante carencia desta infraestrutura deportiva, moi demandada polos clubs deportivos e os usuarios/as deste campo desde practicamente o día da súa inauguración”. O rexedor lembrou, ademais, que o campo carece a día de hoxe dunha zona a cuberto para os espectadores, o que dificulta a asistencia de público ao campo nos meses de inverno e nas xornadas caracterizadas polas inclemencias meteorolóxicas. Santiago Amor comunicoulle esta mañá ao presidente do Milladoiro S.D., Vicente González, a aprobación da sinatura deste convenio entre Concello e Deputación.

En virtude deste convenio, construírase unha gradaría cuberta no linde de poñente do campo de fútbol. Ademais, a instalación incorpora un espazo reservado para a cantina e aseos. Coa realización desta obra tamén se aproveitará o desnivel do terreo para incorporar na zona debaixo das gradas un espazo para almacén. Os materiais empregados nestes traballos serán o formigón armado (para a estrutura, cuberta e gradas) e taboleiros aglomerados para as divisións da construción e os protectores contra o vento dos ocos.

Melloras no aparcamento

Ademais da colocación das gradas cubertas, o Concello de Ames tamén acometeu traballos de mellora no aparcamento do campo de fútbol, principalmente para mellorar a recollida de pluviais. Deste xeito, nunha primeira fase colocouse media caña de formigón para recoller a auga e nas vindeiras semanas levaranse a cabo as obras necesarias para eliminar as escorrentías que se producen no aparcadoiro. Estas obras consistirán na colocación de tubos de formigón, armado con maiazo de aceiro co obxectivo de solucionar as condicións nas que se atopan o aparcamento.

30 de outubro de 2013 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.