O campión olímpico Fernando Echávarri exercerá de profesor de luxo en Vilagarcía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesVilagarcía de Arousa
A-
A+

Ilusión e certo nerviosismo percibíase hoxe pola mañá no Centro Galego de Vela de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra). Alí encontrábase este sábado un nutrido grupo de afeccionados á vela que, de man de Movistar e a Federación Galega de Vela, asistían a unha Máster Class cun profesor de luxo: o campión olímpico Fernando Echávarri.

Dende a mañá e ata final da tarde, baixo un ceo azul soleado e coa colaboración do persoal do Centro Galego de Vela, os protagonistas desta clase maxistral foron precisamente os alumnos, que aproveitaron tanto a charla en terra coma a navegación nos barcos Omega xunto a Echávarri.

Unha veitena de participantes de varios puntos de Galicia

Dende afeccionado ata regatistas de vela lixeira, pasando por mozos regatistas que queren iniciar unha campaña olímpica, pequenos, pequenas, adolescentes e algún que pasaba os cincuenta anos, xente da Garda, Vigo, A Coruña… : todos tiveron cabida nesta clase maxistral. Eles eran, como dicía o propio Echávarri, “os verdadeiros protagonistas desta iniciativa de Movistar”.

Comezaron cunha charla moi participativa na que xurdiron todo tipo de preguntas tales como que facer para despotenciar unha vela, como se debe preparar unha saída dunha regata ou como manter a motivación a longo prazo. Tamén, como, non cuestións da Volta ao Mundo, na que Fernando Echávarri participou como patrón na edición de 2008-2009 levando os mandos do “Telefónica Negro”. Que comen ou como aguantan a presión a bordo nunha competición tan longa foron algunhas das preguntas que saltaron á palestra.

Tras a comida, na que Echávarri recibiu a visita do seu antigo compañeiro Antón Paz (natural de Vilagarcía e con quen Fernando gañou a medalla de ouro en Beijing 2008), chegaba a quenda de demostrar na auga o bo facer mariñeiro e de poñer en común os coñecementos de cada un e aprender todos de todos.

Unha experiencia que moitos repetirían, como manifestaba Lolo Gestoso, participante vigués na clase maxistral: “Esta iniciativa de Movistar paréceme unha idea fantástica. Permite achegar a vela a todos e ter a oportunidade de estar cun camepón olímpico, que a todos nos gustaría selo. Espero aprender pequenos detalles que son os que fan que navegar sexa máis divertido”.

Cuarta clase maxistral dun total de oito

Esta foi a cuarta Máster Class das oito que contempla o calendario que se presentaba a inicios de setembro en Sanxenxo coa presenza do Director de Telefónica en Galicia, Manuel Alonso, ademais do Secretario Xeral para ou Deporte José Ramón Lete Lasa.

Ao día seguinte, a nove veces campioa mundial Gisela Pulido foi a encargada de inaugurar este ciclo na praia da Lanzada, no Grove. Seguiuno o número un do ranking mundial de wíndsurf olímpico, que se desprazou ata a praia de Oza na Coruña. O fin de semana pasado Silvia Mas, cuarta fémina da historia da vela española que lograba o ouro nacional absoluto na clase Optimist, era a encargada de levar a batuta en Sanxenxo, nunha Máster Class que reunía os mellores regatistas da frota galega da devandita clase.

Hoxe foi a quenda de Fernando e a el seguiranlle os campións olímpicos Iker Martínez -mañá en Praia América- e Támara Echegoyen -o próximo sábado día 12 en Portosín-. Pechará este ciclo Pedro Campos no barco VO70 que deu a volta ao mundo en 2008 -o 19 de outubro en Sanxenxo e o 26 en Vigo-.

7 de outubro de 2013 | 10:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.