O Burela FS imponse a Viaxes Amarelle

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaDeportes
A-
A+

O Burela FS Pescados Rubén segue sumando. O seu terceiro derby galego tampouco se lle resistiu; impúxose ao Viaxes Amarelle (1-4) tomando a iniciativa dende o comezo e sen poñer en perigo en ningún momento o marcador. As laranxas fixeron os deberes; agora deben esperar a mañá para saber como queda o liderado, co resultado de mañá entre o Atlético de Madrid, o segundo en discordia, e o Valdetires (12.15 horas).

As pupilas de Quico Otero fixéronse donas do encontro dende o asubío inicial, aínda que con algunhas dúbidas; imprecisións na saída do balón provocaron algún que outro contraataque das locais, que frearon sen maior complicación as burelisas. Co paso dos minutos, gañaron en circulación e orde, co premio do gol de Peque, que entrou no minuto 7, nun falso pase da madrileña a Claudia, na área, que deixou pasar a pelota desorientando a meta coruñesa. Certo nerviosismo apoderouse das filas mariñanas tras o primeiro tanto, nerviosismo disipado por Lidia no minuto 19, que conseguiu introducir o esférico dende xogada de esquina, tras unha tentativa desafortuna de Lucía Nespereira por despexar.

Na segunda parte, volveron á pista as burelistas con máis tranquilidade, avaladas pola vantaxe de 0-2 no luminoso. Resistiuse, pero á fin chegou o 0-3, no minuto 27, en parede de Maite con Peque, que aproveitou un balón escorado ao bordo da área. O gol da honra para as locais foi autoría de Lucía Gómez encaixando pola escuadra unha falta indirecta ao bordo da área (minuto 29). A falta de sete minutos, o Amarelle optou por porteira xogadora sen éxito para crear ocasións. Bea Mateos subiu o definitivo 1-4, no 33, a porta baleira dende o campo laranxa.

Ficha técnica

Viaxes Amarelle: Paula Pérez, Dolo, Lucía Lago, Lucía Nespereira e Sheila, cinco inicial; tamén xogaron Laura, Lucia Gómez, María, María Gómez, Cruz

Burela FS Peixes Rubén: Patri, Bea Mateos, Maite, Peque e Lidia, quinteto inicial; tamén xogaron Claudia e Lara

Goles: 0-1, minuto 7, Peque; 0-2, minuto 19, Lidia; 0-3, minuto 27, Peque; 1-3, minuto 29, Lucía Gómez, 1-4, minuto 33, Bea Mateos

Árbitros: José Ángel Vilas // Julio de la Iglesia (Santiago)

19 de outubro de 2013 | 22:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.