O barrio dos Mallos da Coruña convértese nunha gran galería de arte

Unha actividade do proxecto
O grupo informal de mozas e mozos ‘Topografías Vivas’ está a desenvolver un proxecto de dinamización cultural no barrio coruñés dos Mallos, que se enmarca dentro do programa Iniciativa Xove da Consellería de Traballo e Benestar.
Este proxecto desenvolverase ao longo de toda a semana e os integrantes interactuarán e intervirán en diferentes zonas, utilizando os espazos públicos do barrio como unha gran galería de arte.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou nunha das actividades deste proxecto, concretamente nun obradoiro de mobles realizados con cartón e indicou que “este é un programa onde a Administración non lle di aos mozos e mozas o que teñen que facer, senón que o que lles pide son propostas para despois apoialas, tratando de que a burocracia ceda o protagonismo á xuventude”. Ademais, este programa tamén permite “descubrir a creatividade e potenciar o talento dos líderes do futuro”.
Na área metropolitana da Coruña, un total de 4 asociacións xuvenís e 5 grupos informais de mozos e mozas participan este ano no programa Iniciativa Xove. Ademais das cinco procedentes da cidade, estas entidades tamén pertencen aos municipios de Culleredo (2), Bergondo e Betanzos. O investimento total para apoiar estes proxectos supera os 31.600 euros.
O programa financia o cen por cen do investimento no proxecto xuvenil, ata un máximo de 4.000 euros e os proxectos aprobados reciben un adianto do 80% do seu orzamento antes de realizar a actividade, para que a falta de liquidez non sexa un obstáculo para ninguén.
En Iniciativa Xove poden participar tanto asociacións formalmente constituídas como grupos informais de mozos e mozas, e permite que a xuventude galega poida organizar, emprender e impulsar actividades onde os actores principais son eles mesmos.











