O Azkar viaxa a Zaragoza en busca da primeira vitoria como visitante
Azkar Lugo, cinco puntos na táboa e 11º clasificado; Umacón Zaragoza, 4 puntos 14º clasificado. Estes números falan moito do que mañá venres (21:00 horas – Pavillón Século XXI) se xogan aragoneses e galegos no seu partido da 8ª xornada de liga en 1ª división. Non é un partido que se cualifique como unha final, pero para o Azkar Lugo é importante porque se afastaría en catro puntos na clasificación dun rival directo, en caso de conseguir a vitoria.
Umacón Zaragoza perdeu xogadores importantes nas últimas tempadas e como os lucenses parecen ter como primeiro obxectivo a salvación. De momento ambos equipos sumaron a súa primeira vitoria na 6ª xornada, o Zaragoza fíxoo ante o Burela como local e o Azkar fíxoo tamén como local neste caso ante o Magna Navarra. Os maños son o equipo máis goleado (34) xunto co Manacor e aí os lucenses deben xogar ben as súas bazas e aproveitar do mellor xeito posible as súas ocasións. Poñerse por diante pode ser outra das claves para que así a ansiedade sexa do rival que xogando como local pode pasarlle factura. En definitiva prevese un partido intenso e no que os azuis buscarán ampliar diferenzas cos últimos postos da táboa.
Para este encontro os locais non poderán contar con Keny por lesión mentres que os galegos viaxaron sen Óscar Iglesias, que cumpre o cuarto dos cincos partidos de sanción nin Cospe por lesión. Pola súa banda Chano segue sendo dúbida para o choque.
Convocatoria:
Azkar Lugo: Diego Núñez, Cuco, Jandri, Antonio Diz, Aranburu, Chano, Mendiola, Iago Rodríguez, Illi, Álex Diz e Zala.
Histórico de enfrontamentos en 1ª división en Zaragoza:
Vitorias Umacon Zaragoza: 5.
Vitorias Azkar Lugo: 3.
Empates: 3.
Tempada 12/13: 4-4.
Tempada 11/12: 5-2.
Tempada 10/11: 5-4.
Tempada 09/10: 3-3.
Tempada 07/08: 2-5.
Tempada 06/07: 4-1.
Tempada 05/06: 3-3.
Tempada 04/05: 0-7.
Tempada 03/04: 1-3.
Tempada 02/03: 4-1.
Tempada 00/01: 6-5.











