O Azkar vence de forma brillante ao Magna Navarra

Xogada do partido Azkar e o Magna Navarra
A primeira vitoria da tempada do Azkar Lugo tardou en chegar seis xornadas, pero hoxe fíxoo de forma brillante con goleada ante o Magna Navarra. Os lucenses realizaron un bo partido, como os últimos que vén facendo e non se traducían en vitorias, e hoxe por fin tivo o premio. Os galegos estiveron acertados hoxe na finalización e ademais en defensa estiveron enormes, así tres dos catro goles visitantes só chegaron a balón parado, non encaixou polo tanto ningún en xogada do rival. Tres puntos máis para un Azkar Lugo que merecía unha vitoria así.
O arranque de partido foi sen un claro dominador e de escasas ocasións, quizais porque ambos equipos non querían cometer erros e amosábanse moito respecto. A primeira ocasión foi para os navarros e con Mendiola que lle gañaba o man a man a Dani, ocasión que daba paso á oportunidade de Chano que vía como un disparo pegaba nun defensa e íase rozando o pau. Superado o ecuador da primeira parte chegarían as ocasións máis claras, e nunha delas o canteirán Álex Diz sacábase un gol de maxia: o lucense tras librarse dun defensa cun caño colocábaa coa zurda na escadra contraria de Asier (1-0). Pero a vantaxe dos azuis foi efémera, xa que nun erro de Aranburu ao querer cederlle o balón a Mendiola que se atopaba fóra da súa portería, o balón íase ao pau e Dani só a tiña que empuxar (1-1). O Magna Navarra pronto se cargou de faltas, cometía a quinta a sete minutos do descanso, xusto cando os verdes gozaban dunha clara contra que Carlitos non chegaba a rematar. O partido estaba igualado, pero Cuco rompeuno cunha xenialidade, xa que tras driblar a un defensa mandou á escadra un zurdazo imparable para Asier (2-1), resultado que non variaría antes do intermedio.
No inicio do segundo periodo, víase a un Azkar que quería abrir brecha no marcador, Antonio Diz fallaría un man a man ante Asier aos dous minutos, pero tres máis tarde a estratexia dos lucenses en saque de banda funcionaba cun gol de cabeza de Jandri (3-1). Entón o Magna Navarra pareceu espertar e tamén tivo as súas ocasións, pero Mendiola estivo moi seguro baixo paus para desbaratar un par de chegadas claras dos verdes. O partido complicábaselle ao Azkar Lugo ao minuto 30 coa segunda amarela a Jandri, moi dubidosa. De falta Carlitos anotaba o 3-2. Segundos máis tarde Carlitos nunha contra a punto estaba de facer o empate, o que obrigaba a Diego Ríos a pedir tempo morto para que os seus non se fosen do choque. E ese tempo foi clave xa que nos dous seguintes minutos, primeiro Iago Rodríguez finalizando unha contra perfecta e logo Chano picándoa levemente ante a saída de Asier a pase de Cuco, poñían o partido moi a favor dos pronistas (5-2). A cinco minutos para o final, Eseverri puido ser expulsado por dobre amarela por unha entrada a Cuco, pero os colexiados sinalaron que o madrileño deixárase caer e era amonestado, o cal empezou a desquiciar aos lucenses e a súa inchada. Posteriormente chegaría a sexta falta, dubidosa dos lucenses, pero Carlitos erraba desde os dez metros. Antes os navarros atacaban con porteiro-xogador con Tolrá vestido para facer a estratexia, logo os de Imanol Arregui cambiarían a Carlitos. Pero os galegos non deixaban oco posible por onde o Magna Navarra crease ocasións de gol. A falta de tres minutos Rafa Usín vía a súa segunda amarela e era expulsado, segundos despois Cuco non fallaba facendo o 6-2 e nin un minuto máis tarde o propio Cuco dende campo propio sentenciaba co 7-2 cando os navarros xa recuperaran ao seu quinto home e facían porteiro-xogador. Co partido sentenciado, o Magna Navarra maquillou o resultado, primeiro cun gol de penalti de Eseverri por agarrón de Aranburu e xa no último minuto cun gol de dobre penalti de Carlitos.
O Azkar Lugo pouco tempo terá para gozar a súa primeira vitoria xa que o equipo o mércores en sesión de tarde a partir das 19:00 horas comezará a preparar o choque deste venres, de novo en Lugo, cando a partir das 21:00 horas recibirá ao Hospital Llevant Manacor.
Ficha técnica:
Azkar Lugo 7: Mendiola, Aranburu, Cuco, Iago Rodríguez e Antonio Diz, -cinco inicial-, Álex Diz, Chano, Diego Núñez, Jandri e Zala.
Magna Navarra 4: Asier, Roberto Martil, Eseverri, Jesulito e Rafa Usín, -cinco inicial-, Marc Tolrá, Carlitos, Dani e Iñigo.
Árbitros: Contreras Tejedor e Pérez Álvarez (comité castelán-leonés). Amonestaron con tarxeta amarela a Cuco, Antonio Diz e Aranburu (Azkar) e a Eseverri e Carlitos (Navarra). Expulsaron por dobre amarela a Jandri (Azkar) e a Rafa Usín (Navarra).
Incidencias: 6ª xornada de liga en 1ª división. Palacio Municipal dos Deportes de Lugo. Uns 600 espectadores.
Goles: 1-0 min. 11 Álex Diz, 1-1 min. 13 Dani, 2-1 minuto 16 Cuco, 3-1 min. 25 Jandri, 3-2 min. 30 Carlitos, 4-2 min. 31 Iago Rodríguez, 6-2 min. 37 Cuco, 7-2 min. 37 Cuco, 7-3 min. 39 Eseverri (penalti) e 7-4 min. 20 Carlitos (dobre penalti).











