O Azkar Lugo estivo preto de dar a sorpresa en Murcia

Lance do partido
A punto estivo de cambiar a historia o Azkar Lugo en Murcia. Tras doce anos obtendo derrota tras derrota, hoxe a punto estivo o Azkar de rozar a proeza, primeiro coa vitoria, cando estivo por diante no marcador e puido ampliar a diferenza, e logo co empate a falta de cinco para a conclusión. Quizais esa repartición de puntos tería sido o máis xusto nun partido tremendo, de moito esforzo e de valentía do Azkar. Hoxe estivo a punto de rozar unha proeza, esta é a liña que ten que seguir o equipo.
O partido arrancou con igualdade e así as ocasións repartíronse, primeiro Jose Ruíz enviou un disparo ao pau e logo Antonio Diz no mesmo minuto tivo dúas ocasións para empatar. A defensa lucense non tiña fisuras, era unha muralla, e os disparos exteriores cando ían a porta atallábaos Mendiola. A posesión era maior para ElPozo, pero cando os galegos tiñan o balón, non renunciaban a atacar con criterio. Por momentos os murcianos desesperábanse ao ver que o Azkar non concedía nin un erro e tras un par de ocasións dos azuis, Dúbida pedía tempo morto para os seus aos 11 minutos. E pareceu reaccionar a escuadra rojilla xa que ao minuto seguinte Grello se desfacía dun defensa lucense para cun tiro cruzado bater a Mendiola (1-0). Pero o Azkar non se desfixo, seguía rotando cada dous minutos aos seus xogadores ante un banco curto de efectivos hoxe por lesións, e así Cuco dous minutos despois roubaba un balón en zona alta para facer o 1-1. Todo empezaba de novo e na recta final do primeiro acto tanto puido chegar o gol de murcianos como o dos galegos.
Tras o paso por vestiarios, o partido non cambiou. O Azkar seguía e seguía traballando e malia estar na cancha do líder, mostrouse como un equipo moi atrevido e xogándolle de ti a ti a todo un ElPozo Murcia, e na súa casa. E iso permitiu aos cinco minuto adiantarse co 1-2 tras unha contra na que Chano servía para Álex Diz e o canterano a mandaba á escuadra. E a renda aínda puido ser maior cando segundos despois Cuco a enviaba ao longueiro. ElPozo estaba tocado e demostraba o seu respecto cara ao Azkar Lugo. Mendiola e a defensa lucense eran unha auténtica muralla e o propio Cuco antes de cumprirse a media hora de partido tiña un man a man que Fabio lle atallaba. Dúbida non as tiña todas consigo, e cun Pazo dos Deportes de Murcia enmudecido, xa colocaba a Grello como porteiro-xogador a 11 minutos para o final. Tras varios minutos de ataques dos murcianos, e cos galegos defendéndose á perfección, nun minuto ElPozo dáballe a volta ao marcador, primeiro co gol de Alex ao aproveitar un rexeitamento dentro da área e logo Miguelín cun tiro cruzado (3-2). Tras o tempo morto solicitado por Diego Ríos, os lucenses xa atacaban tamén con porteiro-xogador, pero o empate non chegaría nesa situación, senón que Iago Rodríguez roubaba un balón a Bebe e batía a Fabio cun disparo por abaixo (3-3). O final do partido foi de infarto, ElPozo con porteiro-xogador enviaba un disparo afastado ao longueiro de Grello e posteriormente era Aranburu o que a tiña ante o propio Grello tras unha contra, pero o seu disparo íase fóra por pouco. ElPozo á desesperada buscaba o gol da vitoria, e o Azkar esperaba roubar un balón para poder marcar tamén. Mendiola despexaba en liña de gol un disparo dos murcianos, pero nada puido facer nun bo movemento dos rojillos que finalizaba co gol de Adri só no segundo pau (4-3). De aí ao final no último minuto e medio, o Azkar xerou dúas ocasións para conseguir o empate co 5 x 4, o cal non chegou tras un gran partido do Azkar no que a repartición de puntos tivese sido o máis xusto.
Ficha técnica:
ElPozo Murcia 4: Fabio, Jose Ruiz, Álex, Adri e Grello -cinco inicial-, Miguelín. Kike, Raúl Campos, Bebe e Lolo Suazo.
Azkar Lugo 3: Mendiola, Diego Núñez, Aranburu, Cuco e Antonio Diz -cinco inicial-, Iago Rodríguez, Chano e Álex Diz.
Árbitros: Costa Sánchez e García Morón (comité andaluz). Amoestaron con tarxeta amarela Kike e Adri (ElPozo) e Diego Núñez, Antonio Diz e Aranburu (Azkar).
Incidencias: 5ª xornada de liga en 1ª división. Pazo dos Deportes de Murcia. Uns 2000 espectadores.
Goles: 1-0 min. 12 Grello, 1-1 min. 14 Cuco, 1-2 min.25 Álex Diz, 2-2 min. 33 Alex, 3-2 min. 34 Miguelín, 3-3 min. 34 Iago Rodríguez e 4-3 min. 38 Adri.
O Azkar Lugo xogará o partido da 6ª xornada de liga o próximo martes 15 de outubro cando a partir das 21:00 horas recibirá no Pazo Municipal dos Deportes de Lugo ao Xota Navarra.











