O Azkar Lugo B non puido sumar nada positivo nun igualado encontro en Guardo (5-3)

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLugo
A-
A+

O Azkar Lugo B volveuse de terras palentinas sen poder sumar puntos ao seu casilleiro trala súa derrota final ante o Guardo FS (5-3) nun choque no que os de Morenín e Manuel Vázquez mereceron máis. E é que o partido resultou moi igualado, con alternativas no marcador, e ao final o porteiro dos locais resultou decisivo cando os galegos con porteiro-xogador buscaban de novo empatar o choque.

A primeira parte resultou moi igualada, cun Azkar B que comezou mellor o choque que o seu rival e que lle permitiu antes do ecuador do primeiro acto adiantarse, aínda que pouco lles durou a vantaxe aos lucenses xa que ao minuto seguinte os locais empataban co 1-1 de Héctor, o protagonista da tarde do pasado sábado. Aínda que ambos equipos buscaron un novo gol, ao descanso o choque chegaba en táboas.

Tralo intermedio e ao primeiro minuto de xogo, o Guardo FS adiántase por primeira vez no choque cun novo tanto de Héctor, aínda que nin dous minutos máis tarde Manu para os azuis poñía de novo o empate (2-2). Cun partido aberto e sen claro dominador, á media hora de xogo os palentinos adiantábanse cun gol de Chochi (3-2), pero como no resto do choque, a gol dun equipo respondía o outro, e neste caso o Azkar Lugo B ao minuto seguinte empataba nunha transición que Beto introducía na súa propia portería (3-3). O filial lucense estrelaría un balón no pau e minutos despois a mala sorte era a que se aliaba neste caso con Rubén Mouriz que mandaba ao fondo da súa portería un balón na súa intención de cortar un pase (4-3). Ao Azkar B só lle quedaba arriscar con porteiro-xogador na recta final, e xerou perigo como para empatar o choque, salvando Víctor o meta dos locais ao seus en tres ocasións claras. A menos de dous minutos para o final o Guardo FS rompía definitivamente o choque co 5-3. Miguel para os lucenses, cun dobre penalti, puido meter no partido de novo aos seus, pero o seu disparo foise alto.

21 de outubro de 2013 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.