O Azkar dará a cara ante un FC Barcelona crecido tras vencer ao líder
Competir, competir e competir. Ese debe ser o obxectivo que o Azkar Lugo se expoña mañá venres (20:00 horas – Palacio Municipal dos Deportes de Lugo) cando reciba ao potente FC Barcelona Alusport dentro da 9ª xornada de liga en 1ª división. Para logo poder puntuar ante os culés o equipo deberá estar perfecto e ademais que o seu rival non teña o seu mellor día, pero o primeiro debe ser saber competir.
A Lugo chega un FC Barcelona reforzado tras a súa última vitoria en liga ante o que entón era líder da liga, ElPozo Murcia. Antes os cataláns sumaran dous empates de forma consecutiva e parecían non atravesar o seu mellor momento, pero o despexaron tras a súa última vitoria. Pola súa banda o Azkar Lugo chega ao choque con boas sensacións, aínda que doutra banda pensando en que merecería levar algún punto máis na táboa polo seu xogo. A escadra lucense é coñecedora da dificultade de poder puntuar ante o mellor Barça da historia na LNFS, pero quere competir ao máximo para intentar seguir crecendo como equipo.
Para este encontro os lucenses contarán coas baixas por sanción de Óscar Iglesias, que cumpre o seu último partido, e de Chano, que foi expulsado a pasada xornada. Ademais Diego Núñez será baixa por lesión. Pola súa banda o FC Barcelona chegará a Lugo sen Lozano, que se lesionou no partido da pasada xornada ante ElPozo, polo que Marc Carmona completou a súa convocatoria coa inclusión de Ferrán Plana.
Histórico de enfrontamentos en 1ª división en Lugo:
Vitorias Azkar Lugo: 2
Vitorias FC Barcelona: 3
Empates: 4
Tempada 12/13: 1-7.
Tempada 11/12: 2-10.
Tempada 10/11: 2-5.
Tempada 09/10: 1-1.
Tempada 08/09: 3-2.
Tempada 07/08: 1-1.
Tempada 06/07: 2-2.
Tempada 02/03: 4-2.
Tempada 00/01: 3-3.











