O Aquarium acolle unha actividade para que os cativos se acheguen á poesía en lingua galega
A Concellaría de Cultura informa dun novo espectáculo que se celebrará na Casa dos Peixes o próximo 1 de novembro ás 20.00 horas. Trátase de Acuario, un proxecto que se enmarca dentro do programa de dinamización lingüística FalaRedes e se está a desenvolver en concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística de la Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Acuario é unha peza teatral de 45 minutos baseada no poemario da escritora e presentadora María Canosa. Un proxecto a través do cal as nenas e nenos de 5 a 8 anos, e as súas familias, poderán coñecer os peixes das rías e peixarías galegas e os seus nomes.
O obxectivo é que os máis pequenos da casa se acheguen á poesía en lingua galega ao mesmo tempo que descobren a riqueza biolóxica e gastronómica do litoral da comunidade.
A posta en escena, a cargo de María Canosa e o Teatro dous Ghazafelhos, conta coa presenza de vistosas marionetas, música e unha escenografía sinxela.
O espectáculo está organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración con AGADIC, a Deputación da Coruña e a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña. A entrada é libre ata completar aforamento.











