O apoio a 21 entidades que traballan pola inclusión na área de Vigo conta cun orzamento de máis de 520.000 euros
Este ano destínanse 523.000 euros para apoiar a 21 entidades que traballan pola inclusión na área de influencia de Vigo, o 62,6% do total da provincia de Pontevedra. Ademais, o 71% destas entidades recibiron unha cantidade maior que o ano anterior. A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, deron conta hoxe nunha rolda de prensa do esforzo que está a levar a cabo o departamento autonómico a través da orde de inclusión, que beneficiará na provincia de Pontevedra a 33 entidades cun orzamento de máis de 835.000 euros.
Na súa intervención, González lembrou que esta convocatorias de axudas, que ten como fin apoiar ás entidades que traballan coas persoas en risco de exclusión social, incorporou importantes novidades este ano. En concreto, unificou as tres ordes que existían anteriormente (de comedores e albergues; de programas de inclusión para entidades; e de programas dirixidos ás persoas inmigrantes) nunha soa soa co obxectivo de facilitar o proceso.
Ademais, introduciu como requisito que as contías das axudas deberán estar vinculadas directamente coa cantidade de persoas que atende cada entidade. De feito, é por este criterio polo que se ditaminou un aumento da axuda en numerosas organizacións.
Tamén se ampliou o orzamento da orde en preto de 370.000 euros ata os 3,25 millóns, o que supón un incremento do preto do 13%. Isto permitirá apoiar a 105 entidades de toda Galicia, 21 máis que o ano anterior e, ademais, máis do 70% vai recibir unha axuda maior que o ano pasado.
Amparo González indicou que aos 3,3 millóns de euros dos que está dotada esta orde para toda Galicia, hai que engadir os 35,3 millóns de euros destinados á Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA), un 50% máis do orzamento inicial de 2012. Así mesmo, aumentase tamén nun 50% o orzamento das Axudas de Emerxencia Social.











