O alcalde de Ames visita as obras de urbanización do treito correspondente ao S-14 da Travesía do Porto, no Milladoiro
O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Urbanismo, Alfredo Taboada, visitaron esta mañá as obras de urbanización que se están desenvolvendo nun treito correspondente ao S-14 da Travesía do Porto, no Milladoiro. Estes traballos, que comprenden a reparación do firme, das beirarrúas e da iluminación, están sendo levados a cabo pola entidade urbanística de xestión do S-14 ‘Travesía do Porto-Norte’, xa que se trata duns traballos que lle corresponde realizar e que estaban pendentes de execución.
Durante a súa visita, o rexedor e o concelleiro puideron comprobar o avance das obras, que comezaron no pasado mes de agosto coa execución das beirarrúas, e que neste momento consisten no asfaltado do pavimento da rúa, colocación de alumeado, instalación de sistema de recollida de pluviais e pintado da sinalización horizontal.
A principios de agosto, o Concello de Ames aprobou en Xunta de Goberno Local reclamarlle á entidade urbanística de xestión do S-14 o cumprimento da obriga de realizar as obras pendentes de execución contidas neste sector. Finalmente, as obras comezaron nese mesmo mes e agora atópanse na fase de finalización do pavimento.
O rexedor amiense destacou que estes traballos de urbanización súmanse aos que xa realizou o Concello de Ames coa colaboración da Deputación da Coruña o pasado mes de febreiro, e que supuxeron a mellora e acondicionamento do outro tramo da Travesía do Porto. Santiago Amor subliñou a importancia destas actuacións, “que teñen como obxectivo completar e mellorar o estado e a seguridade dunha das avenidas máis importantes do Milladoiro”. “Estes traballos, tanto os desenvolvidos este ano polo Concello como os da entidade urbanística de xestión, permitirán mellorar a seguridade dos vehículos e peóns que cada día transitan por esta zona, despois de moitos anos sen que tivera actuacións desta índole”.











