O 10% do censo de Ponte Caldelas recibe información municipal a través do teléfono móbil e Internet con “Infocaldelas”
Case 700 persoas censadas en Ponte Caldelas están inscritas xa no servizo Infocaldelas de avisos por SMS e correo electrónico do Concello para manter puntualmente informados os cidadáns das actividades e comunicados que emite o Concello.
O Concello de Ponte Caldelas é un dos municipios rurais pioneiros en Galicia na incorporación da cidadanía ás novas tecnoloxías non só coa implantación do servizo Infocaldelas senón coa inclusión dos códigos QR en carteis e folletos de festas como o da Troita, Os Dolores e a Batalla da Guerra da Independencia, senón tamén na colocación destes distintivos divulgativos en accións de promoción da recollida selectiva de lixo, campañas a favor de reciclaxe ou a súa situación en puntos de información turística, como monumentos, prevista para unha segunda fase de implantación.
Turistas, visitantes e residentes fixeron uso das descargas dos códigos QR, durante este verán, e así poder dispoñer do amplo programa de actividades festivas en Ponte Caldelas dun xeito cómodo e de consulta inmediata nos seus respectivos dispositivos móbiles, smartphones, tablets e ordenadores persoais.
Mediante o servizo Infocaldelas, máis do 10% do censo total da poboación recibe na súa terminal móbil, smartphone, táblet ou ordenador unha mensaxe SMS ou correo electrónico con información puntual de cursos de formación e inserción laboral organizados polo Concello, actividades culturais e sociais, programas de axudas, bandos, períodos de aboamento de taxas e impostos e eventos de interese xeral para a cidadanía.
A idea de establecer este servizo xurdiu a raíz dos problemas que xera o feito de ter que recorrer ao correo postal tradicional para manter informados os cidadáns. Este sistema resulta máis barato e eficaz xa que os inscritos neste reciben, sen custo ningún para eles, a mensaxe ao instante dun xeito cómodo e acorde aos tempos de modernidade no que nos toca vivir.
Por outra parte, este servizo aforra en custos de impresión, gastos de papel, manipulado e envío postal ao tempo que chega ao cidadán de xeito inmediato dun xeito ecolóxico e de doada administración por cada un dos interesados.
De todos os xeitos, este servizo non substitúe ás comunicacións habituais entre administración local e cidadáns mediante o correo ordinario para asuntos e trámites administrativos propios da xestión municipal, pero si favorece o proceso de divulgación de accións, eventos e iniciativas promovidas dende o Concello e que se pretende dar a coñecer, de xeito transparente e masivo, os cidadáns.











