O 10 de outubro inaugúrase a colección visitable do Castro das Travesas de Carral
O Concello de Carral e o Consorcio das Mariñas inaugurarán na Casa da Cultura, o xoves 10 de outubro, a nova sala da Colección Visitable do Castro das Travesas, na que se presentan algúns dos principais elementos obtidos nas excavacións do Castro.
Na exposición móstranse case trescentas das mellores pezas recuperadas, xunto a unha explicación da configuración do castro. Hai materiais, algúns únicos, de gran valor pola súa calidade e a boa conservación que evidencian o carácter principal do asentamento. As escavacións que se teñen realizado están a demostrar que o das Travesas foi unha importante metrópole dos galaicos brigantinos, por mor da súa situación estratéxica nas antigas vías principais de comunicación.
Ao acto de inauguración, que terá lugar ás 13:00 h, asistirán membros da Corporación Local, do Consorcio das Mariñas, da Consellería de Cultura e do Ministerio de Industria, e o arqueólogo Antón Malde, responsable das escavacións, fará unha visita guiada polas novas instalacións.











