Novos cursos gratuítos de alfabetización en lingua galega e castelá para o colectivo inmigrante

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A concelleira de Benestar Social DO Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, informou hoxe sobre as diferentes actividades que serán realizadas ao abeiro do “I Plan Local de Inmigración do Concello de Ferrol 2011-2014”, que se está a aplicar neste mandato. Este proxecto ten como obxectivo conseguir a convivencia en harmonía de tódalas persoas que residan no termo municipal, independentemente de cal sexa o seu lugar de procedencia e atender ás demandas da poboación con necesidades específicas dunha forma eficiente.

A segunda edición do Curso de alfabetización en lingua galega desenvolverase todos os luns, mércores e venres, en horario de 16:30 a 19:00 horas, do 14 de outubro ao 11 de novembro (ambos inclusive) na Casa Solidaria. O obradoiro, de carácter gratuíto, terá unha duración de 30 horas e as persoas interesadas en participar no mesmo poderán formalizar a súa inscrición dende maña e ata o vindeiro venres día 11 presentando a solicitude no Rexistro Xeral do Concello. Este obradoiro de galego, será complementado por un Curso de alfabetización en lingua castelá, tamén gratuíto, que se realizará do 13 de novembro ao 11 de decembro (ambos inclusive) na Casa Solidaria. Así, a edil de Benestar Social explicou que “o dominio idiomático é unha das principais necesidades detectados no colectivo inmigrante do noso municipio” e que “existe un 14,7% de poboación inmigrante que ten dificultades lingüísticas para desempeñar un posto de traballo”.

Así mesmo, dentro do “I Plan Local de Inmigración” contemplase o II Concurso de debuxos para nenos e nenas dos Centros Educativos de Infantil e Primaria (CEIP)  e o I Concurso de redacción para o alumnado da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). O alumnado dos CEIP da cidade, poderá presentar os seus traballos do 21 de outubro ao 30 de novembro. A edil ferrolá sinalou que estes obradoiros “permitirán coñecer a visión que teñen os nosos pequenos sobre a inmigración, e tamén, realizar unha concienciación e educación preventiva na desigualdade social”.

Día da Inmigración

Ademais, realizaranse actos conmemorativos polo Día da Inmigración, o día 18 de decembro. Entre as actividades que se realizarán, a edil ferrolá destacou a preparación e posta en escena dunha pequena obra teatral por parte do alumnado dos cursos de alfabetización en lingua galega e castelá. Así mesmo, durante esta xornada serán entregados os diplomas dos cursos e os premios dos concursos de debuxo e redacción para os nenos e nenas dos CEIP.

Tódolos obradoiros serán impartidos por persoal diplomado e a achega municipal para o conxunto das actividades é de 5740 euros.

3 de outubro de 2013 | 19:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.