Nova edición do programa ‘Posto a Posto’ cuxos niveis de inserción laboral xa alcanzan o 54%

Luisa Cid
O Concello, en colaboración coa Xunta de Galicia, poñerá en marcha unha nova edición do Programa Integrado de Emprego Posto a Posto, un itinerario personalizado con formación teórica e práctica dirixido a lograr a integración laboral de persoas con especiais dificultades para encontrar un traballo e do que se beneficiarán un total de 120 parados, segundo anunciou hoxe o tenente de alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid durante a presentación do plan de emprego.
Luisa Cid explicou que unha das principais apostas do Programa Integrado de Emprego Posto a Posto é “cubrir a brecha que supón a falta de formación e de experiencia laboral”, ofertando cursos de longa duración deseñados en función dos nichos de empleabilidad e das propias características dos desempregados, e recordou que os bos resultados obtidos no programa anterior levaron a Xunta e o Concello a renovar o acordo.
Menores de 30 anos e mulleres con especiais dificultades de inserción -dous dos colectivos máis castigados polo paro- serán os beneficiarios do plan de formación que inclúe períodos de prácticas tutorizadas en empresas e un seguimento dos técnicos de Emprego.
Os 120 alumnos seleccionados recibirán ao longo duns seis meses cursos que aumenten as súas posibilidades de encontrar un traballo, dende como preparar unha entrevista laboral ata recibir coñecementos de novas tecnoloxías ou formación en distintos sectores (sociosanitario, administrativo, comercio, loxística…), sempre en función dos perfís dos participantes, indicou a edil.
O programa, financiado pola Consellería de Traballo e a área de Emprego e Empresa, contará nesta edición con 180.000 euros, dos que a Xunta achegará 135.000 e o Concello 45.000 euros, o que supón un incremento do 32% respecto ao anterior programa, que finalizou o pasado mes de setembro cun total de 65 insercións laborais, é dicir, o 54% dos alumnos saíron cun posto de traballo.
A edil precisou que das 65 insercións, 29 se produciron nos sectores do comercio e hostalaría, aínda que tamén houbo contratacións no campo sociosanitario, da limpeza e a construción. Así mesmo, seis dos alumnos que se integraron no mercado laboral fixérono grazas ao autoemprego abrindo negocios de hostalaría, ocio ou tempo libre (un parque infantil), estética e comercio (unha mercería, unha tenda de decoración e outra de electrodomésticos).
Ademais das clases teóricas, o Programa Integrado de Emprego concede moita importancia ás prácticas dentro dos ciclos de formación. Na pasada edición o proxecto Puesto a Posto conseguiu a colaboración de 14 empresas da Coruña e a súa área metropolitana.
Neste sentido, Cid agradeceu ás empresas o seu apoio decidido a iniciativas deste tipo porque, grazas ás prácticas, “os alumnos adquiren unha valiosa formación que lles permite poñer en valor os coñecementos, habilidades e aptitudes adquiridos durante o plan de emprego”, que inclúe unha media de 120 horas teóricas e 50 prácticas dependendo do tipo de curso.
As persoas interesadas en optar a algunha das 120 prazas do programa que comeza en outubro deberán ser menores de 30 anos ou mulleres con dificultades de inserción e dirixirse ao seu orientador laboral do Servizo Público de Emprego que os asesorará na tramitación das solicitudes, que deberán incluírse no apartado de Programas Integrados.
Onde e como inscribirse
Os técnicos do Centro Municipal de Formación Dos rosales comezarán a solicitar esta semana candidatos ao Servizo Público de Emprego para iniciar as entrevistas previas á selección co obxectivo de que todos os talleres poidan estar a funcionar a principios de novembro.
O tenente de alcalde de Emprego e Empresa destacou a importancia da colaboración institucional para poñer en marcha programas deste tipo, eficaces na loita contra o desemprego. Tamén recordou que só no segundo semestre deste ano o Concello imparte máis de 3.000 horas a medio millar de alumnos e engadiu que a área pechará o exercicio 2013 con máis dun centenar de talleres gratuítos e case 2.000 beneficiarios.











