publicidade hoxe

No concello do Vicedo crearase unha área multiúsos na que se poderán desenvolver actividades que promovan o comercio de proximidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaLugoO Vicedo
A-
A+

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, visitou co alcalde do Vicedo, Jesús Novo Martínez, a parcela na que se realizará a nova zona comercial da localidade, que ocupará arredor de 500 metros cadrados, na que está prevista unha actuación que facilitará a adecuación deste punto de encontro comercial aberto mediante un investimento de preto de 100.000 euros (98.812 euros).

Arias considerou que o proxecto, que será financiado na súa meirande parte pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Industria, representa “unha oportunidade para impulsar o comercio na localidade e axudar a vertebrar as actividades que se desenvolvan no núcleo urbano arredor  dun novo eixe, situado nunha parcela contigua á casa consistorial do Vicedo”. En total, o departamento autonómico realizará unha achega de 74.109,09 euros para esta mellora, o que supón o 75% do total da actuación.

O proxecto, de carácter interprovincial, foi presentado mediante a opción de agrupación de concellos entre O Vicedo e o municipio coruñés de Mañón, suporá a pavimentación mediante formigonado da parcela, na que se instalará alumeado público e rede de sumidoiros e recollida de pluviais.

Así mesmo, disporase mobiliario urbano e a procederase á plantación de árbores. A zona de acceso a esta área será mellorada e, para reforzar a seguridade, instalarase tamén un novo paso de peóns, sinalizacións luminosas e paneis de indicacións comerciais.

Coa creación deste novo punto de encontro comercial, o concello do Vicedo, en colaboración co de Mañón, pretende dispor dunhas instalacións multiúsos, que entre outros servizos, servirá para poder levar a cabo xornadas gastronómicas con produtos da zona, feiras de artesanía nos que se vendan produtos que aínda se elaboran no contorno, concursos e festas para favorecer o desenvolvemento da actividade mercantil na contorna.

Raquel Arias trasladou que a Dirección Xeral de Comercio, que é o departamento que directamente se encarga de xestionar estas axudas, persegue con estas colaboracións o obxectivo de “crear contornos comerciais atractivos” que se convertan en polos de atracción para veciños e visitantes, sobre o convencemento de que o comercio “contribúe en gran medida á dinamización dunha localidade”.

11 de outubro de 2013 | 01:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.