Nigrán contará cunha nova máquina hidrolimpiadora de auga quente a presión
O Concello de Nigrán adquire, a través da súa concesionaria CESPA, unha máquina hidrolimpiadora de auga quente a presión para beirarrúas e outros pavimentos. “O artefacto en cuestión é un equipo de fabricación alemá que limpa con auga a 250 bares de presión e a 70 graos centígrados, o que permite realizar unha óptima limpeza do pavimento,” explica o rexedor municipal, Alberto Valverde.
O dispositivo emprega unha cúpula de frega que un operario desliza manualmente, e sen salpicaduras -só obsérvase o vapor da auga arredor do equipo-, “evitando desta forma calquera molestia aos viandantes e permitindo o seu uso en case calquera franxa horaria”, sinala Valverde. Ademais, á auga quente evita a utilización de produtos químicos, que non se necesitan para desengraxar, o que suma á súa lista de vantaxes un proceso de limpeza máis ecolóxico e respectuoso co ámbito.
O equipo empregarase para limpezas puntuais de tramos de beirarrúa moi sucios ou con risco para os peóns, “obtendo uns resultados espectaculares, xa que devolve ao pavimentos o seu estado inicial, ao tempo que contribúe a mellorar a imaxe do municipio”, conclúe.
Plan de investimento actualizado
A adquisición deste novo dispositivo enmárcase dentro do plan de investimentos para o servizo de limpeza viaria e recollida de lixo, aprobado na sesión plenaria de outubro de 2012. “A oferta presentada por CESPA en 2004 consideraba un plan de investimentos a realizar en dúas fases, entre os anos 2005/2012 e 2013/2015”, recorda Valverde.
A realidade actual de Nigrán levou o goberno municipal a esixir á concesionaria unha revisión da segunda fase do plan de investimentos previsto para o presente exercicio. “Esta revisión permitiu incrementar a proposta inicial en 300.000 euros, cun investimento total por parte da concesionaria de limpeza de 1,8 millóns de euros,” apunta o rexedor.
Neste sentido, Valverde subliña que investimento, cuxo obxectivo é mellorar a calidade do servizo de limpeza e recollida de lixos do municipio, será asumido ao 100% por CESPA, polo que non repercutirá nas arcas municipais,”.
Ao novo parque de maquinaria de limpeza, ao que se suma a hidrolimpiadora a presión de auga quente, hai que engadir dez novos equipos multiúsos para limpeza viaria, algúns para a limpeza de beirarrúas e superficies verticais, así como a instalación de colectores e papeleiras de polieruteno reciclado, minimizando o impacto ambiental pola diminución da pegada de carbono.











