Neda suma un novo centro sociocultural coa inauguración da rehabilitada Casilla do Puntal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNeda
A-
A+
Inauguración das instalacións

Inauguración das instalacións

Dende hoxe, Neda conta cun novo centro socio-cultural. O que durante o século pasado fora a Casilla dos Legoeiros, no lugar do Puntal, será a partires de hoxe un espazo para programar exposicións de pintura, fotografía ou escultura; para concertar charlas, conferencias ou tertulias, ou desenvolver presentacións de libros. Non só iso, o movemento asociativo terá tamén nestas instalacións un lugar propio, obxetivo co cal o Concello elaborará un regulamento de uso. Así se poñía de manifesto na inauguración do inmoble por parte do alcalde, Ignacio Cabezón Lorenzo, nun acto que non quixeron perderse deceas de veciños e veciñas. Tamén acudiu ao mesmo o presidente da FEGAMP, José Manuel Rey Varela, e o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, a quen o rexedor agradeceu non só a súa presenza senón tamén o respaldo económico da Xunta de Galicia, que fixo posible a rehabilitación da Casilla.

No seu discurso, Ignacio Cabezón asegurou que hoxe se facía por fin realidade un soño que se iniciaba en 2007 e cuxo resultado os asistentes puideron comprobar a través dunha reportaxe fotográfica colgada nos muros da edificación. Apuntou que nese 2007, cando asumía a Alcaldía, tamén adquiría o compromiso de pór a disposición do tecido asociativo de Neda todo o preciso para desenvolver e impulsar as súas inquietudes culturais, deportivas e lúdicas, fundamentalmente dotándoas duns locais dignos onde reunirse e compartilas. E así se traballou ao longo da pasada lexislatura, rematando e modernizando espazos como o Edificio de Usos Múltiples da Toeleira na zona centro, o Centro Cívico Ramón Millarengo, o edificio da Muchiqueira e os locais sociais de Viladonelle, O Roxal e Anca. Todo isto, froito dunha importante inversión procedente, tanto das administracións pública estatal e autonómica, como do propio Concello. Nesta liña, o alcalde sinalou que, tras estas actuacións, quedaba aínda un lugar que, sen dúbida, tiña sido froito dun certo abandono, O Puntal. Un barrio que, aínda sendo unha das zonas máis emblemáticas, carecía de local algún onde realizar actividades non só vinculadas ao asociacionismo, senón ata o punto de non dispor sequera dun recinto público onde poder instalar o colexio electoral. E, de ahí, a actuación que hoxe se inauguraba. Ao respecto, destacou a calidade do proceso rehabilitador e, neste senso, felicitou á empresa ORMER, polo seu traballo e tamén por cumprir prazos, e ao arquitecto municipal, Francisco Cernadas, autor do proxecto e supervisor da obra.

Nese capítulo de agradecementos o alcalde tamén citou a dúas veciñas presentes no acto cunha significación moi especial: Socorro Alonso Suárez e á súa sobriña, Pilar Santiago Suárez, filla de Antonio Santiago Arias, o último peón caminero que traballou e viviu no inmoble. Veciña que naceu na Casilla e onde pasou a súa infancia e tamén adolescencia e que só abandonou cando casou.

E é que a Casilla dos Legoeiros é un lugar con moita historia en Neda e algúns dos seus protago-nistas estiveron esta mañá para recordala. Veciños como as citadas. Unha historia hoxe recuperada, xa que tras caer en desuso o inmoble foi sufrindo un progresivo estado de deterioro que rematou prácticamente coa súa declaración de ruína. De feito, del apenas quedaban os muros. Tras a cesión da Xunta ao Concello, o goberno municipal que dirixe Ignacio Cabezón Lorenzo, buscou a financiación necesaria para iniciar o proceso rehabilitador. Así, a Consellería de Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, concedía final-mente unha achega ao Concello que permitía sufragar o 85% das obras, orzamentadas en 88.000 euros.

Ao remate do acto de inauguración, a CCRD Puntal celebrou a súa II Xornada Gastronómica coa tradicional comida de confraternidade e as actuacións musicais das formacións Parranda La Nues-tra e Aplauso Show. Unha cita moi especial que, como era de esperar, foi multitudinaria.

5 de outubro de 2013 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.