Neda celebrará o seu primeiro Magosto popular con degustación gratuíta de castañas
Neda celebrará o próximo mes o seu primeiro Magosto Popular. Será o venres, 8 de novembro, nos xardíns da emblemática Casa das Palmeiras, a partires das oito e media do serán. E, á cita, están invitados todos os veciños e veciñas da real vila, que recupera deste xeito unha tradición moi vencellada á terra. O Magosto conta coa colaboración non só do Concello de Neda, a través da Concellería de Promoción Turística, senón tamén de diferentes establecementos hosteleiros (Café bar Oriental, O Lagar, A Pía, Bar Neda, Café Bar Jupe, Mesón O Fumazo, Bar El Cubano e Bar Chámalle como queiras). A todos eles súmase Ramón Lugilde, tamén coñecido como “O Castañeiro de Neda”.
Será unha tarde noite na que non faltarán as tradicionais castañas asadas, que os asistentes poderán degustar de forma completamente gratuíta, ao igual que bolos preñados (ata rematar existencias). E, todo isto, amenizado coa mellor música para potenciar o ambiente festivo.











