Nace con 300 asociados a Plataforma de Afectados polas sancións ás pensións do estranxeiro da comarca de Ordes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOroso
A-
A+
Presentación da plataforma

Presentación da plataforma

O centro cultural de Sigüeiro acolleu a constitución formal da Plataforma de Afectados  polas Sancións ás Pensións do Estranxeiro da comarca de Ordes, que nace con preto de 300 veciños e veciñas asociados dos municipios de Ordes, Oroso e Trazo. Unha plataforma conformada por oito veciños e veciñas da comarca: Mercedes Gómez Viqueira, José Rodríguez Rodríguez e Marcos Martínez Varela (Oroso); Santiago Turiel Cid e Antonio Becerra Lamas (Ordes); e Ángel Boquete, Dosinda Bautís e Sabina Nieto (Trazo), que contarán co apoio e o asesoramento legal da avogada ordense Vanesa Pedrouzo, que actuará inicialmente como voceira da Plataforma.

Vanesa Pedrouzo encargarase de asesorar xuridicamente aos veciños e veciñas afectados, así como de elaborar as reclamacións pertinentes. Pola súa banda, os oito veciños e veciñas que integran a Plataforma encargaranse de estar en contacto cos afectados dos seus municipios, informalos das actuacións que vaia facer a plataforma, convocar reunións dos afectados e de informar tamén a aquelas persoas que non puideron asistir aos tres encontros celebrados en Trazo, Ordes e Oroso. Tamén actuarán como portavoces da Plataforma nos seus respectivos municipios e poderán decidir tamén o nomeamento dun voceiro para a Plataforma, xa que neste primeiro encontro preferiron delegar a portavocía na avogada da Plataforma.

A plataforma, que está aberta á incoporación de novos asociados e municipios, quedou formalmente constituída pasadas ás 22:00 horas de onte luns, logo dun acto informativo celebrado no centro cultural de Sigüeiro no que participaron un centenar de veciños e veciñas afectados polas sancións que a Axencia Tributaria está a impoñer sobre as pensións do estranxeiro. Un acto organizado pola Agrupación  Socialista de Oroso e que contou coa participación de Manuel Mirás, alcalde de Oroso; Carmen Gallego, deputada socialista no Parlamento de Galicia; Antonio Leira, deputado socialista na Deputación da Coruña; e de José María Rocha, da Plataforma de Afectados da Costa da Morte.

Acto informativo

A deputada socialista Carme Gallego explicou que “o importante é que se constituíra unha plataforma comarcal, que a xente participe e que poda chegar a moitos máis afectados porque cantas máis persoas participen neste tipo de iniciativas máis forza van a ter á hora de conseguir que se retiren as sancións e non se esixa o pago de intereses”. Pola súa banda, Manuel Mirás asegurou que “é especialmente grave que se trate aos pensionistas retornados como delincuentes ou defraudadores, sobre todo cando non foron asesorados correctamente por parte de Facenda e ninguén lles dixo que tiñan que presentar esas declaracións”.

Finalmente, Antonio Leira anunciou que os socialistas presentarán unha iniciativa na Deputación da Coruña durante a sesión plenaria deste venres para solicitar a retirada das multas e dos intereses que se pretenden cobrar aos pensionistas retornados. “O problema é unha mala información do Ministerio de Facenda, non que os nosos maiores quixeran defraudar ao Fisco”, explicou Antonio Leira, quen confirmou que veciños de municipios veciños, como Cerceda, tamén están interesados en participar na Plataforma.

Orixe do problema

Durante a xornada informativa, explicóuselles aos afectados que este problema xurdiu en 2008, ano no que houbo un intercambio de información entre Axencias Tributarias de distintos países e que deu lugar á aparición do dobre pagador. Sen embargo, dende Facenda non se informou a estas persoas de que tiñan a obriga de presentar a declaración da Renda. Incluso se chegaron a entregar borradores da declaración que non incluían estas pensións.

De feito, durante o debate de onte á noite presentouse un caso dunha veciña que percibe 55 euros mensuais dunha pensión no estranxeiro e á que se lle impón unha sanción de máis de 150 euros correspondente ao exercicio 2008. É dicir, que esta veciña tería que pagar tres veces máis do que cobra ao mes. E aínda quedarían os cobros correspondentes a catro anos máis.

22 de outubro de 2013 | 14:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.