Música, cervexa muniquesa e comida tradional alemá na IV Oktoberfest de Carballo

Inauguración da IV Oktoberfest
Cervexa, comida tradicional xermana, música e unha pantalla xigante poden atoparse no recinto da IV Oktoberfest de Carballo, que ten lugar nunha carpa na contorna da rúa Perú, detrás da antiga estación de autobuses, até o domingo 27 de outubro. Organiza a Asociación Cultural 13 Lagartos coa colaboración do Concello e este ano a cita convértese na única Oktoberfest oficial de Galicia, xa que é a única que cumpre os requisitos da marca rexistrada, entre os que está o de ofrecer unicamente cervexa muniquesa. E coa comida e a bebida, a Oktoberfest ofrece todos os días actuacións musicais.
Así, despois de que o xoves fora Cover Band a encargada de animar a festa, o venres actúa Soultrack, un grupo local, xunto con outro madrileño, Historias de una lagartija, do que forma parte José Lozano, antigo membro do programa de la Sexta “Sé lo que hicistéis…”, e que estará seguro en Carballo ese día. A xornada máis esperada é a do sábado, pois esa noite poderemos volver escoitar a grupos míticos da vila no Lembranza Rock, con nomes como Los Trámites, Distrito 15100, Porta con Porta e Los Enfermos a partir das 23.00 horas. E o domingo, día dedicado a familias a partir das 16.00 horas, a animación sonora corre a cargo da Escola da Rúa.
A Oktoberfest é unha das máis concorridas festas populares do mundo. Cada ano, ao redor de seis millóns de persoas achéganse a Munich nas dúas semanas que dura a festa. Entre as curiosidades sobre a Oktoberfest alemá, hai que mencionar que é unha festa nacida como unha despedida de solteiro para o príncipe Luis I de Baviera o 17 de outubro de 1810 e que a cervexa que se sirve ten que ser tan só de cinco marcas específicas de Múnic, como son Spaten ou Paulaner. Celébrase entre os meses de setembro e outubro, e comeza sempre o primeiro sábado despois do 15 de setembro. Tal é o seu éxito que, hoxe en día, tamén se celebra en varias cidades do mundo. No que respecta á Oktoberfest de Carballo, o recinto é quen de acoller a máis de 600 persoas sentadas nas bancadas corridas.
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, foi o encargado da inauguración oficial da cita o xoves 24 de outubro, acompañado por algúns dos responsables da organización. Os interesados e interesadas poden obter máis información no Facebook oficial da Oktoberfest nunha ligazón nesta mesma nova.











