Mos adheriuse ao servizo provincial de recollida de lixo que entrará en vigor en 2015

Momento da sinatura do convenio
A concelleira de Medio Ambiente mosense, Julia Loureiro, informou da entrada en vigor en 2015 en Mos do Servizo Provincial de Residuos da Deputación de Pontevedra, que se encargará, a partir de entón, da recollida e tratamento de lixo; o que conlevará importantes beneficios para os veciños e veciñas de Mos.
A edil responsable do servizo municipal de recollida de lixo explicaba que “no 2012 o déficit que dito servizo xeraba era de entre o 30% e o 40%, e que, a pesar de que este ano se reduciu este déficit coa subida da taxa do lixo, en 2014 continuará aínda o déficit, que non desaparecerá ata comezos do ano 2015 coa entrada en vigor do convenio coa Deputación para a xestión dos residuos en Mos”. O motivo polo cal non poderá entrar en vigor ata o ano 2015 dito convenio é porque é cando vence o contrato do Concello coa empresa concesionaria que actualmente presta este servizo.
Deste xeito, o servizo provincial beneficiará ó Concello de Mos en que se eliminará o mencionado déficit e se mellorará o servizo ó cidadán, entre outros aspectos, ampliando durante a tempada estival a frecuencia das recollidas. Ademais os veciños e veciñas de Mos non terán que volver a asumir unha suba do importe da taxa do lixo.
Con este servizo provincial a Deputación non só se fará cargo da recollida dos residuos ordinarios, senón tamén do papel e cartón, vidro, aceite usado e xestión do punto limpo. Tan só a xestión do punto limpo situado no PEMOS-Veigadaña cústalle a administración local mosense 18.000 euros anuais.
En total o Concello de Mos gasta anualmente preto de 900.000 euros en recollida e xestión de residuos, cantidade que deixará de ter que abonar a partir de 2015. A título individual, a cada veciño lle suporá, unha vez entre en vigor na localidade mosense o Servizo Provincial de Residuos, unha redución de entre o 5% e o 10% no importe do recibo da taxa do lixo, así como asegurarse que dito importe desta taxa non volva a subir en anos sucesivos.
Como se dixo, evitando a xestión directa na recollida de lixo do Concello de Mos, o municipio logrará un servizo de recollida de lizo máis económico e eficaz, que contribúa ó equilibrio financeiro das arcas municipais, xa que implicará o pago semestral do servizo que será practicamente igual para todas as localidades pontevedresas adheridas a este Servizo Provincial de Residuos.
A Ordenanza Provincial Reguladora da Taxa pola Prestación do Servizo de Recollida de Lixo regulará, dentro do ámbito das competencias municipais delegadas polo Concello de Mos, os aspectos relativos aos residuos sólidos urbanos, tanto dende o punto de vista dos usuarios do servizo coma da xestión e prestación do servizo de recollida.
Este servizo de xestión de residuos que terá ámbito provincial, comprenderá a recollida, transporte, tratamento e eliminación de desperdicios; establecéndose, así mesmo, liñas de actuación que fomenten a redución, reutilización e reciclado dos mesmos.
Os aforros virán dados tanto pola mellor estruturación e planificación do servizo e, en consecuencia, pola redución dos medios humanos e materiais necesarios para a súa prestación, como pola mellora no sistema de xestión.











