Monforte acollerá un curso de formación teatral en novembro
A Área de Cultura e Turismo da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo inclúe a Monforte entre as localidades que acollerán os cursos de formación teatral 2013 enmarcados no proxecto Buxiganga.
O curso, con vinte prazas dispoñibles e vinte horas de duración, realizarase na Casa da Cultura de Monforte durante catro sábados do mes de novembro. Os días 9, 16 e 23 en horario de 10:00 a 14:00 h., e o día 30 de novembro de 10:00 a 14:00 h. e de 16:00 a 20:00 h. Baixo o título “Ponte en escena”, o curso estará dirixido por Fina Calleja, integrante do grupo “Sarabela Teatro”, e o custo do mesmo será de 20 € (prezo reducido a 10 € para os/as participantes nos circuítos Buxiganga 2013).
Fina Calleja achegaranos o teatro como xogo e como acción. O corpo e a voz serán parte esencial do xogo dramático que desemboca na construción dos personaxes.
As persoas interesadas en participar neste curso poden obter máis información sobre o mesmo no teléfono 982 260 141, ou no correo electrónico ruben.culturaedeporte@deputacionlugo.org.
O prazo de inscrición pecharase tres días antes do comezo do curso e as solicitudes aceptaranse por orde de chegada á Oficina de Rexistro da Deputación Provincial de Lugo (San Marcos nº 8, 27001 Lugo).
Para participar no curso hai que presentar a folla de inscrición, impreso que pode descargarse da web www.v1deputacionlugo.org/documentacion.php, ou ben recollela na Área de Cultura da Deputación ou solicitala a través do teléfono 982 260 141. Xunto con esta folla de inscrición debidamente cumprimentada tamén terán que entregar o xustificante bancario do pagamento da taxa de inscrición.











