Migallas presentou “Pan de millo” na Biblioteca de Pontevedra

Representación de “Pan de Millo” en Pontevedra
O Salón de actos da Biblioteca Pública de Pontevedra encheuse de público infantil e adulto con motivo da presentación do libro-disco “Pan de millo”, de Migallas Teatro, publicado por Kalandraka. Tamén participaron o ilustrador do álbum, Dani Padrón, e músicos como Paulo Nogueira e Magoia Bodega, do grupo Treixadura, que colaboraron na produción e nos arranxos das cancións.
Ataviados como panadeiros nunha escenografía a base de elementos relacionados coa cultura do pan e dispostos a preparar unha fornada de pan de millo, Carlos Yus e María Campos foron explicando o proceso de sementeira do millo, de colleita, de moenda e de elaboración do pan a partir da fariña. Tamén contaron o proceso de creación deste traballo, 17 anos despois de “Canta connosco!”, que fora o primeiro traballo discográfico de Migallas.
Así, foron pasando polo escenario Dani Padrón, Paulo Nogueira e Xosé Pérez, de Kalandraka. Ademais das intervencións non faltaron os temas musicais: “Que cousa, cousiña é?”, “O tiroliro” e “Unha vella tiña un can”, entre outras, que o público acompañou recitando os retrousos, facendo sinxelas coreografías e marcando o ritmo coas palmas.
Esta presentación de “Pan de millo” en Pontevedra, que rematou cunha degustación de pan de millo, foi a primeira dunha serie de actuacións que Migallas Teatro realizará por diversas cidades galegas entre os meses de novembro e decembro.











