“Mercería Carrera” de Arteixo é distinguida dentro da campaña “A semana do teu comercio”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixo
A-
A+

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, distinguiron esta tarde a traxectoria da ‘Mercería Carrera’, no marco da campaña “A semana do teu comercio: unha semana, un comercio, unha historia”, da que esta semana é protagonista o Centro Comercial Aberto de Arteixo.

Esta iniciativa, que a Consellería de Economía e Industria achega aos cidadáns a través do enderezo electrónico portaldocomerciante.blogspot.com.es, busca resaltar o comercio de proximidade e o labor dos centros comerciais na súa dinamización, así como distinguir os establecementos de maior traxectoria de cada CCA, que souberon adaptarse ao paso do tempo grazas á calidade, a proximidade e a innovación que os caracterizan. Este é o caso de ‘Mercería Carrera’, que abriu as súas portas en 1978 pero cuxa historia se remonta aos tataravós da actual propietaria, que xa se dedicaban á venda ambulante cun negocio que se foi transmitindo de xeración en xeración ata hoxe.

Coa campaña “A semana do teu comercio”, a Consellería reafirma o seu compromiso co comercio galego como sector clave para a reactivación económica das vilas e cidades galegas. Neste sentido, a Consellería de Economía e Industria vén de conceder apoios por preto de 2 millóns de euros para o impulso de accións de dinamización do comercio de proximidade nos CCA e nas asociacións das prazas de abastos, sendo o Centro Comercial Aberto de Arteixo un dos beneficiarios, con máis de 22.000 euros. No acto, Sol Vázquez subliñou a importante labor do CCA de Arteixo, que naceu no ano 2009 co obxectivo de traballar por un comercio local forte, moderno e cualificado.

Desde comezos de ano, a Xunta de Galicia leva destinados máis de 8,5 millóns de euros a liñas de apoio ao pequeno comercio así como ao incentivo das vendas, impulsando o asociacionismo, promovendo a incorporación das TIC, ou apoiando aos concellos na renovación das infraestruturas comerciais.

3 de outubro de 2013 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.