Mequetrefes representará en Monforte unha comedia sobre a sociedade actual
Este domingo día 27 de outubro, a compañía Mequetrefes representará na Casa da Cultura de Monforte, ás 20:00 horas, a obra Folie a Trois (Paranoia compartida).
Co patrocinio da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo e dentro do circuíto Buxiganga, a compañía de teatro afeccionado de Antas de Ulla achegará a Monforte a súa derradeira montaxe.
Trátase dunha peza que fala de todas esas paranoias que nos rodean, parodiando diversas situacións protagonizadas, entre outras, por persoas hipocondríacas, obsesionadas coas dietas, ou vexetarianas acérrimas. Todas estas personaxes xúntanse nunha sorte de comedia estruturada por scketches, que nos leva a concluír que todo é un conto e que, realmente, non podemos fuxir das nosas autoparanoias.
A compañía Mequetrefes naceu no ano 208 ó abeiro da Universidade de Santiago de Compostela. Durante os seus catro anos como compañía universitaria recibiu diversos premios por tódalas súas creacións.
O ano pasado, no Festival de Teatro Afeccionado de Rivas Vaciamadrid, recibiu o galardón de mellor grupo de teatro afeccionado, competindo con preto de cen compañías de toda a xeografía española.
Mequetrefes caracterízase polo seu particular estilo: textos propios, crítica social e posta en escena dinámica e coidada.











