publicidade hoxe

Mellora do servizo de abastecemento do núcleo de Refoxos, en Cortegada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCortegada
A-
A+
Obras de mellora do servizo de abastecemento

Obras de mellora do servizo de abastecemento

O director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, supervisou esta mañá a obra dos colectores e depuración do lugar de Refoxos, no concello de Cortegada. Menéndez, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense Rogelio Martínez, destacou que con esta actuación satisfarase as necesidades máis urxentes en materia de saneamento e tratamento das augas nos núcleos de Casares da Virxe, A Pousa, A Pereira e Vilaverde.

A día de hoxe no lugar de Refoxos estase a executar 5.450 metros de tubaxe de PVC de 250 mm de diámetro ata enlazar coa rede existente para posteriormente ser depuradas as augas en Ponte-Trado.

Estes traballos atópanse dentro do convenio entre o ente dependente da Consellería de Medio Ambiente e o concello de Cortegada, e que tamén recolle as obras dos lugares de Pazo e Ponte-Trado.

Outras actuacións do convenio

No núcleo do Pazo, estase a instalar unha depuradora que consta dun aliviadoiro de crecidas, unha arqueta de desbaste, un decantador-dixestor, una cámara de descarga, un leito bacteriano, un decantador-dixestor secundario e unha arqueta de control para a súa inspección antes da vertedura. Unha vez finalizada darase servizo a unha poboación de 182 habitantes.

Por outra banda, no núcleo de Ponte-Trado executase un novo sistema de depuración cambiando parte do tramo final da rede de saneamento e afastándoo das casas habitadas. A tubaría de saneamento é de PVC de diámetro 315 mm, intercalándose pozos de rexistro executados en formigón en masa. Ademais levarase a cabo a construción dunha depuradora que consta dun aliviadoiro de crecidas, unha arqueta de desbaste, un decantador-dixestor, unha cámara de descarga, un leito bacteriano, un decantador-dixestor secundario e unha arqueta de control para a súa inspección antes da vertedura. A poboación total servida será de 144 habitantes.

Situación do saneamento

Neste momento, no núcleo de Refoxos do concello de Cortegada non se dispón de saneamento e, ademais, lugares de Peralba, A Decolada e Ponte-Trado contan con rede de saneamento e unha fosa séptica en Ponte-Trado, pero está inservible e, practicamente, soterrada na bacía do río.

No núcleo de Pazo hai unha fosa séptica que recolle a rede desde os núcleos de Abelenda, O Casal, Casaldalvaro, Pazo, A Encoutada e Refoxos, pero atópase en desuso por falta de mantemento e totalmente soterrada pola maleza.
 

24 de outubro de 2013 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.