Marta Iglesias expón a súa obra pictórica na sala Rivas Briones de Vilagarcía
A temporada expositiva de outono ábrese esta tarde na sala de Rivas Briones coa mostra da pintora Marta Iglesias. A madrileña, que xa expuxera en Vilagarcía hai seis anos, regresa cunha colección que leva por título “Obras son amores” e na que reúne principalmente óleos e marmolinas. A concelleira de Cultura, Rocío Llovo, inaugura ás 20:00 horas a exposición que se poderá visitar ata o 3 de novembro. Tras o acto inaugural os asistentes desprazaranse ata o establecemento casa Sumay onde Iglesias tamén exporá algunhas obras durante o vindeiro mes.
En “Obras son amores”, Marta Iglesias mostra o seu dominio en diversas técnicas, con cadros de técnica mixta nos que, ademais do manexo de óleo e marmolina, pódense admirar obras en acrílico, pastel, lápis.
Segundo describe Jesús Mazariegos, “Marta Iglesias traballa debuxando con lápis de pastel sobre superficies preparadas con po de mármore moi fino: debuxos lineais sobre fondos neutros que reforzan a limpeza da liña. No ano 93 Marta Iglesias sorprendeu polo gran salto evolutivo que sufriu a súa pintura, froito dunha meticulosa labor de sínteses que a levara cara unha obra liñal, plena de cor, planteada sobre elaborados fondos de area que aportaban unhas fermosas vibracións e unhas cálidas texturas ao resultado final”.
“Sete anos despois atopámonos cunha nova Marta, como sempre en continua evolución, sempre coherente, ofrecendo unha obra na que a primacía da liña deixa paso agora á masa da cor, cuns temas moi esquemáticos, resultado dese proceso interno, concienzudo e difícil, de racionalización que preside a obra desta artista que soubo atopar un oco insubstituíble na nosa arte contemporánea máis próxima”.











