Mariños mercantes e da armada, científicos, xuristas e políticos participan na semana de estudios do mar en Bamio
Vilagarcía acolle a vindeira semana as XXXI Semanas de Estudios del Mar, un evento no que intervirán científicos e técnicos de diversos campos, mariños mercantes e da Armada, xuristas e políticos para difundir todo tipo de coñecementos relacionados co mar no seu sentido máis amplo. Este importante evento de ámbito nacional está organizado pola Fundación ASESMAR e conta coa presidencia de honra do Rei. O Concello colabora na organización das xornadas que se desenvolverán no Centro de Formación Marítimo de Bamio, dependente do Instituto Social da Mariña.
As XXXI Semanas de Estudios del Mar celebraranse do 28 ao 30 de outubro. Durante as tres xornadas impartiranse doce conferencias de moi diversa temática e disciplinas, tendo como nexo común o mar. As actividades versarán sobre aspectos como os recursos mariños, a política oceánica, o Dereito Marítimo, Oceanografía, Hidrografía, Xeoloxía e Bioloxía mariñas, Armada, transporte marítimo e pesca, entre outros.
A actualidade e relevancia dos temas que se abordarán, así como o prestixio e categoría dos relatores constitúen só algúns dos atractivos deste evento que cada ano se celebra nunha cidade marítima ou portuaria de España. Esta será a segunda vez que o evento organizado por ASESMAR se realice en Bamio, que xa o acolleu en 2006. As características de Vilagarcía como cidade marítima, portuaria, pesqueira e de turismo náutico; sumadas á amplitude e idoneidade das instalacións do ISM, así como o seu emprazamento e os servizos dispoñibles, fixeron que a Fundación optase por repetir escenario en tan breve espacio de tempo.
As conferencias están abertas ao público a todo tipo de público xa sexan profesionais cualificados de sectores relacionados co mar, investigadores, docentes e calquera outra persoa interesada nestes temas, tendo especial atractivo para o colectivo de estudantes universitarios ou de posgrao. De feito a Universidade de Vigo concede créditos aos alumnos que presenten o certificado de asistencia ás conferencias.
As persoas interesadas en participar como oíntes nas xornadas deben inscribirse previamente a través da web www.asesmar.org, onde tamén se pode obter o programa. A asistencia é totalmente gratuíta.
Entidade sen ánimo de lucro para recompilar e difundir coñecementos
A Asociación de Estudios del Mar constituíuse en 1986 como asociación privada sen ánimo de lucro e coa intención de prestar colaboración ás administracións públicas españolas en todos os temas relacionados co estudo do mar. En 2010 créase a Fundación ASESMAR de Estudios del Mar, co mesmo obxectivo que a asociación pero adaptando a súa forma xurídica aos seus fins. A misión da Fundación é a de recoller todo o traballo, experiencia e bo facer da asociación e de organizar actividades e eventos destinados a promover os coñecementos na materia e a súa difusión.
Nesta liña en márcanse as Semanas de Estudios del Mar, nas que científicos e personalidades altamente cualificadas imparten conferencias e participan en coloquios sobre temas de rigorosa actualidade e do máis alto nivel técnico. Tamén neste apartado figuran as Aulas interdisciplinares desenvolvidas durante varios por ASESMAR en Cartagena e que adoptou a Universidade de Murcia, ou as aulas monográficas organizadas na Escuela de Técnicos Superiores de Ingenieros Navales da Universidade Politécnica de Madrid.
Traballo en prol da incorporación ao Tratado Antártico e do buque científico “Héspérides”
ASESMAR tamén traballou en prol da incorporación de España no Tratado Antártico e da construción do buque de investigación oceanográfica “Hespérides” dotado dos máis avanzados medios tecnolóxicos de investigación e dunha grande capacidade operativa, en especial para actuar nas condicións extremas dos polos.











