Mariñas – Betanzos reúne os xestores das 6 reservas de biosfera galegas para analizar os retos para o territorio
As oportunidades para o territorio que carrexan as reservas da biosfera serán as protagonistas da xornada que mañá, martes 22 de outubro, organizan o GDR Mariñas – Betanzos e o CEIDA no castelo de Santa Cruz (Oleiros). O encontro facilitará o intercambio de experiencias e a divulgación das posibilidades que supón para a bisbarra Das mariñas o seu recente denominación como reserva mundial da biosfera por parte da Unesco.
O organismo que preside José Antonio Santiso xuntará as 12.30 horas aos xestores das 6 reservas da biosfera galegas. Tomarán parte dunha mesa redonda para analizar a situación actual e as perspectivas de futuro ante estas cualificacións. O Programa MAB (Men and Biosphere), que é o que impulsa as reservas da biosfera da Unesco, tamén estará presente en Santa Cruz. O secretario do seu comité científico, Pablo Ramil, expoñerá ao público a importancia que supón a entrada das Mariñas como reserva mundial.
Antes, ás 10.00 horas, intervirá outras dúas personalidades no ámbito. O profesor da Universidade de Sao Paulo, Antonio Carlos Diegues, asesor do goberno brasileiro, explicará a experiencia da reserva da biosfera da Mata Atlántica. Pola súa banda, o secretario do Programa MAB en España, Francisco José Cantos, dará a coñecer o traballo da rede española de reservas da biosfera. Santiso sinala que o obxectivo desta xornada será sinalar os retos para o futuro que encerra a reserva da biosfera para que poida ser usada, como oportunidade de desenvolvemento, para a cidadanía da bisbarra.











