Marina Alabau e Támara Echegoyen reciben a medalla de ouro da Real Orde do Mérito Deportivo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

As campioas olímpicas do Equipo Movistar Marina Alabau e Támara Echegoyen recibiron esta mañá a Medalla de Ouro da Real Orde do Mérito Deportivo en recoñecemento aos seus éxitos deportivos durante o pasado 2012, ano no que Alabau e Echegoyen se colgaban a medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Londres.

O Teatro Cofidis de Madrid foi o escenario da entrega de condecoracións nun acto presidido por S.A.R. a Infanta Dona Elena acompañada polo Ministro de Educación, Cultura e Deporte, José Ignacio Wert, o Presidente do Consello Superior de Deportes (CSD), Miguel Cardenal, e a Directora Xeral de Deportes do CSD, Ana Muñoz, entre outras personalidades.

Marina Alabau: “recibir este galardón é algo moi importante e para toda a vida”

Traballo, sacrificio e afán de superación son os principais factores que levaron á windsurfista Movistar Marina Alabau a colgarse o premio máis ansiado para calquera deportista, a medalla de ouro olímpica. Tras o diploma conseguido en 2008 nos Xogos Olímpicos de Beijing, a sevillana tiña claro que o seu principal obxectivo para Londres 2012 era o ouro e non deixou de traballar ata conseguilo.

Alabau, que non puido estar presente na entrega do galardón esta mañá no Teatro Cofidis de Madrid, comentaba que para ela “recibir este galardón é algo moi importante e sobre todo por facelo xunto aos deportistas máis destacados de todas as modalidades. Ter a Medalla de Ouro da Real Orde do Mérito Deportivo é algo moi importante e para toda a vida”.

Agora, un ano despois de proclamarse campioa olímpica e tras ser nai recentemente, Alabau xa comeza a pensar nos seus próximos retos. “Pasou un ano e a miña vida agora é moi diferente. Tras a miña maternidade estou a retomar os adestramentos pouco a pouco, facendo unha preparación física previa aos entrenos na auga, que será en Canarias no mes de decembro,” explicaba a windsurfista Movistar.

Támara Echegoyen: “é un premio ao traballo e sacrificio dos deportistas”

Para a regatista Movistar Támara Echegoyen -campioa olímpica en Londres 2012 na categoría de Match Race Femenino- esta Medalla de Ouro da Real Orde do Mérito Deportivo é un premio ao traballo e ao sacrificio que a levou ao máis alto, tal e como explicaba a galega: “Síntome moi contenta de recibir esta medalla; un premio ao traballo e sacrificio dos deportistas”, afirmaba a galega.

Sen lugar a dúbidas, o camiño cara ao ouro olímpico non foi doado para a regatista Movistar, pero un ano despois de proclamarse campioa olímpica e converterse na primeira medalla de ouro olímpica feminina na historia do deporte galego, Echegoyen xa se prepara para o seu próximo gran reto, conseguir a praza para Río 2016 nunha nova clase, o 49er Fx.

“Un ano despois a miña vida segue igual. Agora estou inmersa na campaña olímpica en 49 er Fx, traballando diariamente coa miña nova compañeira Berta Betanzos para conseguir os nosos obxectivos e moi ilusionada cos novos retos que se me presentan; esta vez conto ademais co apoio do Equipo Movistar, que nos brinda a súa confianza durante a campaña rumbo a Río 2016,” explicaba Echegoyen pouco antes de recoller o seu galardón no Teatro Cofidis de Madrid.

Foto principal: Támara Echegoyen (no centro) xunto coas súas compañeiras nos Xogos Olímpicos de Londres 2012 -Ángela Pumariega e Sofía Touro- tras recibir hoxe a Medalla de Ouro da Real Orde do Mérito Deportivo.

30 de outubro de 2013 | 10:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.