Máis dun millar de persoas visitaron a exposición-homenaxe a Antonio Fernández

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTomiño
A-
A+

Máis dun millar de persoas visitaron a exposición “Antonio Fernández: Pintor de tres mundos”, durante os dezasete días en que a mostra permaneceu aberta ao público no Centro Goianés, en horario ininterrompido de 10.00 a 23.00 horas.

O pasado domingo, 20 de outubro, tivo lugar o acto de clausura, o que contou coa presenza da directora do Museo Provincial de Lugo (edificio que alberga unha sala con pinturas de A. Fernández), Aurelia Balseiro; o comisario da mostra, Carlos L. Bernárdez; a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; a concelleira de Cultura, Cristina Martínez; o concelleiro de Patrimonio e veciño de Goián, Uxío Benítez, ademais doutras autoridades locais e numeroso público.

Na oportunidade, Bernárdez agradeceu a confianza depositada nel para coordinar a mostra e asegurou ver a pintura e a figura de Antonio Fernández, a partir deste evento, de forma enriquecida. Desexou, asemade, que esta mostra “sirva coma punto de partida para levala a outros ámbitos, para que a súa figura poida ser revisada, e facer, por exemplo, unha grande exposición antolóxica sobre o pintor”.

A alcaldesa Sandra González, pechou oficialmente a mostra, salientando o número de visitas conseguidas, máis dun millar en total, incluíndo as visitas guiadas duns 500 escolares de primaria. Agradeceu especialmente a implicación de todas as persoas implicadas na organización e difusión da mostra, e asegurou que “este non é un punto y final, xa que seguiremos traballando na recuperación de nosos pintores”.

A exposición “Antonio Fernández: Pintor de tres mundos”,  forma parte do “Ano Antonio Fernández”; unha serie de actos organizados durante 2013 e 2014 e que comprenden, certames de pintura, visitas guiadas, excursións a museos, actividades escolares, ciclos de cine e música, etc.

Amenizou o acto de clausura un dúo de clarinetes da Agrupación Musical de Goián.

 

22 de outubro de 2013 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.