Máis dun cento de persoas arroupan a Constantino Cuesta na presentación da novela “Soñadores sin porvenir”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOroso
A-
A+
Presentación da novela

Presentación da novela

Máis dun centenar de persoas arrouparon a Constantino Cuesta Ibáñez, veciño de Oroso, na presentación da súa segunda novela: “Soñadores sin porvenir”. Un acto celebrado na noite de onte venres no centro cultural de Sigüeiro e no que o autor estivo acompañado polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás; polo concelleiro de Cultura, Antonio Leira; e por Silvia Barreiro, en representación de Finis Terrae Edicións.

Antonio Leira foi o encargado de abrir o acto lembrando a colaboración de Tino Cuesta co Concello de Oroso, onde foi representante municipal no certame internacional Goisorosoartes, e agradecéndolle que “elixira Oroso para o primeiro acto de presentación da súa nova novela”. Unha novela que Silvia Barreiro, representante de Finis Terrae Edicións, definiu como “unha obra máis dura que a anterior pero moi entretida, xa que Tino é un bo creador de historias”.

Aposta pola cultura

O alcalde orosán, Manuel Mirás, amosou o seu orgullo “por ver tanta xente na presentación dun libro” e indicou que “a aposta do Concello de Oroso pola cultura é a máxima que se pode ter. En Oroso, a cultura non se recorta”. Mirás puxo como exemplo desta aposta pola cultura a actividade do centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro, que Tino Cuesta definiu como “un oasis no deserto, un sitio que fai promoción da cultura, onde se quere a cultura”.

Sobre “Soñadores sin porvenir” e o seu autor, Mirás Franqueira explicou que “creo que Tino escribe unha historia que nos atrapa dende o principio. Quen sabe sentir, sabe dicir. E a min me ten enganchado”. Unhas verbas que agradeceu Tino Cuesta, quen explicou que este segundo traballo “é unha novela dura, chea de emocións e non apta para todos os públicos. Penso que non debería ser lida por menores, pois contén cousas moi duras”.

A actuación dos irmáns Emiliano e Alfonso Sánchez, dous pequenos virtuosos do violín, fixo que Cuesta Ibáñez falase sobre o acto de creación literaria. “Algúns falan de atopar inspiración. Para min, inspiración é ter algo que contar e contalo. Non fai falla nada máis”, explicou mentres convidaba aos máis novos a achegarse ao mundo da arte. “Escribindo o paso moi ben. Para traballo xa teño o da mañá no centro de saúde. A pintura e a escritura non son cuestións de traballo. Hai que disfrutar”. O acto rematou coa tradicional sinatura de libros por parte do autor.

Currículo

Constantino Cuesta Ibáñez naceu en Baracaldo (Vizcaia) en 1959, pero o espírito trashumante dos seus pais fixo que desde moi pequeno se asentara en Santiago de Compostela, onde rematou os seus estudos de menciña e cirurxía (1982). Durante varios anos percorre unha gran parte dos municipios da área sanitaria de Santiago ata que en xaneiro de 2006 se asenta en Oroso, onde é médico de atención primaria do centro de saúde de Sigüeiro.

Entre 1995 e 2006 ten unha maior dedicación á escritura, aproveitando os últimos días da súa estancia en Melide para xestar a súa primeira novela, “Herdeiros da miseria”, publicada tamén por Finis Terrae edicións. “Soñadores sin porvenir” conta a historia de varios veciños dun mesmo pobo pero diferentes en canto a ideais durante a Guerra Civil. Uns personaxes que porán ao lector cara a cara coa miseria, coa humillación, coa enfermidade e coa morte. Ademais da escritura, Cuesta Ibáñez ten realizado múltiples exposicións de pintura por toda Galicia. Unhas obras que poden contemplarse no seu blog: pinturaalcubo.blogspot.com.

5 de outubro de 2013 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.