Máis de 500 músicos participan no Festival Zonal de Bandas de Música en Tui

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioTui
A-
A+

O Teatro Municipal de Tui acolle este sábado, 26 de outubro, o II Festival Zonal de Bandas de Música organizado pola Deputación de Pontevedra coa colaboración do Concello de Tui. No mesmo van participar oito agrupacións musicais que en conxunto suman máis de 500 músicos. A entrada será de balde.

A presentación deste evento tivo lugar esta mañá a cargo do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, e a deputada responsable da área de Cultura, Ana Isabel Vázquez.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, manifestou que este evento, por experiencia de festivais similares celebrados con anterioridade, terá unha repercusión moi boa, ao tempo que será unha cita importante para os aficionados á música das bandas de música.  Pola súa parte a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, destacou que para Tui sempre é unha honra acoller un espectáculo destas características, ao tempo que convidou ao público a asistir ao Teatro.

A deputada de Cultura, Ana Isabel Vázquez, informou que neste certame musical van participar na sección primeira a Banda de Música de Chapela, a Banda de Música Popular de Rubiós e a Banda de Música Cultural de Mondariz. Na sección segunda estarán presentes a Agrupación Musical de Goián, a Banda de Música Xuvenil de Torroso e a Banda de Música de Salvaterra de Miño. Por último na sección primeira van participar a Banda de Música Cultural de Salceda de Caselas e a Agrupación Musical de Vincios.  Cada unha delas terá que interpretar dúas obras, de libre elección, das que a primeira terá que ser de autoría ou temática galega.

Ana Isabel Vázquez destacou na súa intervención o feito de que Pontevedra é a segunda provincia, logo de Valencia, na que existen máis bandas de música.

23 de outubro de 2013 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.