Máis de 2000 persoas gozarán das actividades e espectáculos que se ofrecerán a programación cultural de Carral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarral
A-
A+

A Concellería de Cultura ofrecerá no último trimestre do ano un amplo e variado programa de actividades e eventos, no que se prevé a participación de máis de 2000 persoas.

Nesta semana póñense en marcha as escolas culturais municipais de Fotografía, Tapices e Cociña Infantil, con 50 inscritos en total. Tamén na presente semana, en concreto mañá xoves, comezan as actuacións do festival Galicreques en Carral, que nesta edición contará cos espectáculos das compañías Los Duendes e Cachirulo.

Unha viaxe cultural a Sanabria, Chaves, Ourense e Allariz, na que están inscritas case 40 persoas de todas as idades, realizarase na finde semana do 12 e 13 de outubro. O grupo galego Mamácabra presentará as súas cancións o sábado 19 de outubro en Tabeaio, dentro do programa Cultura no Camiño. Unha semana despois, o pavillón deportivo do Espiño acollerá a 5ª Xuntanza de Palilleiras de Carral, na que se prevé a participación dunhs 200 afeccioadas ao encaixe. Tanto para as palilleiras da xuntanza como para o público en xeral, actuará o Mago Antón no seu Magomóvil, facendo 5 sesións de maxia de preto coa seu espectáculo “Onde está o Mago Antón”.

Do 23 ao 29 de outubro estará na Biblioteca Municipal a exposición “Querido Balbino”, na que se fai unha análise didáctica de Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas. Tamén na biblioteca da Casa da Cultura se fará o 31 de outubro unha actividade para celebrar o Samaín, cun contacontos e obradoiros e lecturas para os máis pequenos.

O 16 de novembro comeza un ciclo de teatro que se estenderá ata o 19 de decembro, presentando obras das compañías Teatro do Andamio, Poéticas Urbanas, Manicómicos, Ditea, A Fiestra e O Rueiro. Todas as obras terán lugar no local Xente Nova de Tabeaio.

No que se refire ao cine a Sala de Audiovisuais da Casa da Cultura acollerá o Festival Amal de cine árabe, coa proxección de diferentes pezas das que participan no evento promovido pola Fundación Araguaney. Terá lugar do 22 de novembro ao 5 de decembro. E para o público infantil e familiar organizarase un ciclo de cine con tres películas de animación, que tamén se proxectarán na Casa da Cultura.

Coa programación do Nadal incluirase a visita de Papa Noel e contacontos na Biblioteca Infantil, un concerto didáctico dirixido aos escolares e o tradicional festival de panxoliñas que terá lugar na igrexa de Carral o 28 de decembro.

A concelleira de Cultura, Isabel López, manifesta a súa satisfacción por poder manter un programa amplo e denso, dirixido aos diferentes grupos de idade e abranguendo un amplo abano de disciplinas culturais.

2 de outubro de 2013 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.