Máis de 200 profesionais participarán na XI Galicia TIC en Santiago
O alcalde compostelán, Ángel Currás, inaugurará mañá xoves, ás 9:30 horas, Galicia TIC 2013. O evento, que se celebra no Centro de Innovación Cultural (CINC) da Cidade da Cultura, reunirá a máis de 200 profesionais das TIC (tecnoloxías da información e da comunicación) e profesores e estudantes universitarios deste ámbito. Nesta décimo primeira edición de Galicia TIC –a cuarta que se celebra en Santiago, haberá diversos relatorios de empresas multinacionais, informarán sobre tendencias tecnolóxicas das TIC e as súas aplicacións ao mundo empresarial e cidadán. Tampouco faltarán as empresas TIC de Galicia máis innovadoras, que proporán as súas solucións e produtos con posibilidades de globalización.
O programa tamén inclúe debates sobre internacionalización das empresas TIC de Galicia, experiencias e factores de éxito, e sobre tendencias na e-administración e a súa expectativa de mellora para cidadáns e empresas. A xornada completarase coa presentación de diversas solucións tecnolóxicas aplicadas ás cidades e ás empresas.











