Magostos teatrais en Naraío e Igrexafeita

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Nesta longa ponte do primeiro de novembro as asociacións de veciños de Igrexafeita e Naraío aproveitan para xuntarse arredor do lume co inconfundible arrecendo a castañas asadas. As dúas puxeron para o sábado os seus magostos e nas dúas haberá teatro. Fran Rei leva a Naraío o espectáculo infantil “A historia de Brancaflor” mentres que Bucanero representará en Igrexafeita “De película”, dúas obras que forman parte do programa itinerante de descentralización da cultura promovido polo Concello en colaboración coas asociacións veciñais.

As actividades de Naraío arrancarán ás 17h. coa chegada dos nenos e nenas para participaren no concurso de caveiras que organiza a asociación de veciños O Castelo. Melóns e cabazas tebrosas coas que sairán percorrer en o fondo da parroquia a xeito de romaxe das ánimas. A procesión nocturna, que partirá do local da Veiga a iso das 19.30h., estará acompañada da música dos gaiteiros e gaiteiras da escola de música tradicional.

Porén, antes de poñer medo polas corredoiras, os nenos poderán gozar -ás 18.30h.- da obra “A historia de Brancaflor”. Un espectáculo a medio camiño entre o clown e a maxia para todos os públicos pensado para animar á lectura e para introducir os máis pequenos na marabillosa tradición narrativa galega. 

Protagonizado por Fran Rei, “A Historia de Brancaflor” é o primeiro espectáculo unipersonal de Os Sete Magníficos máis Un. Ademais, trátase da primeira incursión da compañía -con máis de dez de traxectoria profesional- na arte dos contacontos.

En Naraío tamén está previsto degustar castañas, papas e sopa de melón e, ademais, prepararase queimada, rifarán un caixón sorpresa e haberá unha repichoca animada polas pandeireteiras e o alumnado de gaita.

En Igrexafeita a asociación de veciños Adiante tamén convidou a veciñanza a se reunir no local social da Torre para comer castañas e outras viandas propias deste tempo. Da parte lúdica encárgase Bucanero coa súa obra “De película”, que comezará ás 22 h. 

Pedro Picos e Xose Bonome aproveitan a estética e os tópicos do cine para enlazar unha secuencia de situacións inspiradas en catro grandes títulos da sétima arte. Hora e media de espectáculo para maiores de 12 anos con risas aseguradas e cunha novidade na traxectoria de Bucanero: a incorporación ao elenco da actriz Marián Rei. Nada é o que parece. Bonome e Picos non teñen reparo en poñer do revés anacos de “Psicose” ou “Instinto básico” mentres Rei se converte na Mia Wallace de “Pulp Fiction”. 

Tanto “A historia de Brancaflor” como “De película” forman parte da programación teatral itinerante do Concello, que se busca levar as artes escénicas ás distintas parroquias con representacións de balde.

31 de outubro de 2013 | 13:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.