Lugo prepárase para o gran derbi lucense entre o Azkar e o Burela
No deporte os derbis adoitan ser partidos especiais, cargados de emoción, de sentimentos, de alegrías e de tristezas, pero o que sempre son é un espectáculo. Así se presenta o gran derbi lucense que mañá venres (21:00 horas – Palacio Municipal dos Deportes de Lugo) afrontará o Azkar Lugo ante o Burela Pscados Rubén dentro da 4ª xornada de liga en 1ª división.
Despois do primeiro punto sumado en liga na pasada xornada por parte dos de Diego Ríos, agora toca facer bo ese primeiro empate ante o Burela, no que será o terceiro derbi lucense da historia. En fronte estará un conxunto mariñano moi remodelado e que foi un dos grandes animadores do mercado estival, equipo que busca outros obxectivos que a escadra capitalina. Os laranxas chegan a Lugo tras unha vitoria (en Peñíscola, onde a pasada semana o Azkar sumou o seu primeiro punto) e dúas derrotas consecutivas como local (ante Xota e ElPozo). Os de Juanlu Alonso están en proceso de acoplamento e así os de Diego Ríos queren aproveitalo para co seu bo xogo das tres primeiras xornadas seguir sumando puntos.
Para este encontro os locais manteñen a dúbida na participación do capitán Aranburu mentres que os mariñanos chegan ao derbi con todos os seus xogadores en perfectas condicións.
Histórico de enfrontamentos en Lugo en 1ª división:
Vitorias Azkar Lugo: 1.
Vitorias Burela Pescados Rubén: 0.
Empates: 0.
Tempada 12/13: 2-0.











