Licítase a obra de ampliación da escola infantil da Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da resolución do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, dependente da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, pola cal sae a licitación a contratación da obra de ampliación da escola infantil da Laracha, integrada na rede A Galiña Azul.

A actuación, que ten un orzamento base de 376.165,08 euros, está incluída no Plan Educa3 e será cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

As empresas interesadas en participar no procedemento terán de prazo ata o día 25 de novembro para presentar as súas ofertas. O proxecto e os pregos de cláusulas administrativas e prescricións técnicas poden consultarse no perfil do contratante da web do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (www.igualdadebenestar.org).

A escola infantil pública da Laracha comezou a funcionar no ano 2008 na céntrica rúa Río Anllóns da capital municipal. Actualmente a infraestrutura conta con cinco módulos –con capacidade total para 74 nenos-, habilitados todos eles nun mesmo edificio de planta baixa que tamén dispón doutras estancias, como unha sala de estar, comedor, cociña e almacéns. A ampliación realizarase á esquerda do corredor distribuidor, contando a nova parte construída cunha superficie de 288 metros cadrados repartidos en tres aulas, unha sala de profesores e unha área de descanso. Posibilitará acoller a outros 41 nenos máis, pasando a ter o centro unha capacidade total de 115 usuarios. O prazo fixado para a execución das obras é de oito meses, polo que a previsión é que a nova parte ampliada poida estar dispoñible para o inicio do próximo curso.

Recentemente o Concello da Laracha completou os trámites urbanísticos necesarios para poder levar a cabo a execución deste proxecto. Coa modificación do estudo de detalle da parcela na que se sitúa a escola infantil reordenouse e adaptouse o solo do ámbito permitindo aumentar a ocupación de terreo, pero sen alterar nin as características nin a superficie do solar (4.636 m2).

No pasado mes de setembro a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez, desprazáronse ata o Concello da Laracha para asinar, xunto ao alcalde, José Manuel López Varela, o convenio de colaboración para acometer estas obras. Nese momento xa se anunciara a previsión de que sairían a licitación durante o mes de outubro, tal e como se vén de producir.

Desde o Concello da Laracha mostramos a nosa satisfacción polo anuncio da licitación publicado hoxe no DOG, xa que a ampliación da escola infantil permitirá aumentar o número de usuarios e beneficiar a máis familias do municipio con nenos de ata tres anos de idade ao seu cargo.

A maior dispoñibilidade de prazas neste centro suporá unha mellora na xa de por si extensa cobertura en servizos sociais que se ofrece no Concello da Laracha á poboación, un aspecto prioritario para a axenda política do goberno municipal. Durante os últimos anos alcanzáronse logros históricos dirixidos a facilitar a conciliación da vida persoal e laboral dos nosos veciños e mellorar a súa calidade de vida, especialmente de persoas con nenos ou maiores ao seu cargo e tamén para o colectivo da terceira idade.

Dita cobertura en servizos sociais é visible en infraestruturas de recente creación (a propia escola infantil e o centro de día e fogar residencial para persoas maiores dependentes), desenvolvemento de programas propios (aula lúdica municipal e centros sociais para a terceira idade na Laracha, Paiosaco e Caión) e prestación de servizos en colaboración con outras administracións, especialmente a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial da Coruña.

28 de outubro de 2013 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.