Licitadas por 1 millón de euros as obras do saneamento integral do saco de Fefiñáns en Cambados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Cambados

Cores Tourís na visita a Cambados

O Diario Oficial de Galicia recollerá a publicación das obras do saneamento integral do saco de Fefiñáns. Trátase de dous contratos de obra pública, a execución da Fase II do proxecto de recollida de verteduras no Saco de Fefiñáns por un importe de 1.135.495 euros, e a Fase I, de menor importe, para rematar así dunha vez o saneamento do saco, por un importe total de 95.209 euros.

Segundo explicou o delegado territorial, “os traballos que se van executar permitirán a eliminación de todas as verteduras de augas residuais que se están a efectuar por parte dun conxunto de vivendas non conectadas á rede de saneamento municipal, que verten directamente ao Saco ou ben ao río Corvillón”. O prazo de execución que se estima na licitación do contrato é dun ano.

O río Corvillón está unido nun tubo baixo á rasante da estrada PO-549 (Vilagarcía de Arousa–Cambados), a través dunha bóveda de formigón. Debido a este cruzamento, a rede de saneamento construíuse dun xeito moi superficial para poder pasala por enriba da bóveda e levar as augas residuais ata o bombeo da Cabana. Por outra banda, existe un grupo de vivendas construídas a unha cota inferior á da vía que discorre en terraplén, polo que as acometidas domiciliarias non puideron ser recollidas e, como consecuencia, ou ben se acometen ao saneamento antigo, que descarga no río Corvillón e este, en última instancia, no Saco de Fefiñáns, ou ben directamente teñen a saída do saneamento pola parte posterior da vivenda coa vertedura directa ao fondo do Saco.

“Para solucionar a problemática das verteduras, estas recolleranse no contorno da avenida de Vilagarcía, executando unha rede separativa de colectores de PVC e unha nova estación de bombeo integrada nun tanque de tormentas no Pombal”, matizou o delegado territorial, quen explicou que este tanque, ou depósito de retención de augas unitarias, constará de canal de entrada, unha cámara principal de laminación e un pozo de bombeo.

Na Cabana proxéctase a execución dun novo colector que precisará da execución de varios treitos con perforación horizontal dirixida. Tamén se mellorará o saneamento na rúa do Pombal selando un alivio existente e instalando un bombeo compacto, e por último, está prevista a recuperación dun treito do río Corvillón.

Saneamento Integral do Saco de Fefiñáns
O proxecto de Saneamento Integral do Saco de Fefiñáns, no concello de Cambados, definiuse a partir do Plan de saneamento local da Ría de Arousa, que estudou co máximo detalle o funcionamento das redes de saneamento para atallar as súas problemáticas, especialmente en tempo de chuvia.

As obras da Fase I permitirán afrontar unha parte do saneamento cuxo sistema de sumidoiros verte directamente sen tratamento sobre un dos dous regatos que chegan ao fondo do saco. Esta primeira fase centra os traballos en cambiar 120 metros de colectores e instalar unha pequena estación de bombeo no punto baixo da zona no río Corvillón para recoller as augas residuais das vivendas desa rúa para impulsalas e poder conectalas á rede de saneamento actualmente existente.

“A Consellería de Medio Ambiente consegue así levar a cabo as actuacións necesarias en materia de saneamento para garantir o bo estado ecolóxico das rías galegas para o correcto desenvolvemento da produción marisqueira”, rematou Cores Tourís.

3 de outubro de 2013 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.