José Venancio López Hierro abre o curso 2013-14 de formación de adestradores da Federación Galega de Fútbol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaDeportesDeportes Portada
A-
A+
Instante do curso federativo

Instante do curso federativo

O IES Monte Castelo de Burela tivo a honra de contar cun padriño de luxo o sábado pasado na apertura oficial do Curso 2013-14 de formación de adestradores, da Federación Galega de Fútbol. O seleccionador nacional, José Venancio López Hierro, estivo acompañado polo directivo do Comité de Fútbol Sala da FGF, José Luis Sáez, e o coordinador dos ciclos e director da ED Burela FS Peixes Rubén, Alfonso Mera.

Baixo o título ‘Planificación e organización da Selección Nacional Absoluta. Mundial de Thailandia 2012’, Venancio López abordou, entre outros temas, as funcións do corpo técnico da selección, a programación de Thailandia, o perfil dos xogadores seleccionables e a valoración e análise da participación dun xogador no xogo. Ademais do futuro alumnado, tamén asistiron ao relatorio corpos técnicos, xogadores e xogadoras do CD Burela FS Peixes Rubén, así como afeccionados.

O técnico do Vermello pechou a súa visita en Burela presidindo o palco de autoridades de Vista Alegre, no trepidante empate do CD Burela FS (2-2) ante o gran campión de Primeira División LNFS, FC Barcelona Alusport.

Inicio lectivo

Este será o terceiro ano que o IES Monte Castelo acolla cursos baixo a organización da Federación Galega de Fútbol, cuxo inicio lectivo 2013-14 está programado para comezos de novembro. En marzo de 2012, o seleccionador nacional xa participou na formación de adestradores impartida en Burela, cunha lección maxistral centrada na táctica e o liderado.

A matrícula para os ciclos de Nivel 1 e 3 aínda estará aberta uns días. O de Instrutor de Fútbol Sala Base Nivel 1 pechará o venres 1 de novembro e o de Adestrador Nacional de Fútbol Sala Nivel 3 estará aberto ata o luns 4 de novembro.

22 de outubro de 2013 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.