Jaime e Alfonso Leirós cólganse o ouro da Copa de España de Vaurien na Semana do Atlántico Cidade de Vigo
A Semana do Atlántico Cidade de Vigo XXXVIII Trofeo Martín Barreiro disputou a última xornada de competición do primeiro ciclo deportivo. Máis de 200 regatistas e sete clases en liza déronse cita en augas da ría de Vigo para proclamar os irmáns Jaime e Alfonso Leirós como novos campións da Copa de España de Vaurien mentres que Adrián Domínguez e Calixto Abalo se colgan o ouro galego de 420.
Non foi un día sinxelo na auga e é que os ventos lixeiros -de entre sete e dez nós- e rolones, xunto á corrente, non puxeron as cousas doadas nin a regatistas nin a Comité. Finalmente, as frotas de Vaurien, Snipe e Cadete puideron completar tres probas cada unha mentres que os 420, Láser 4.7, Láser Stándar e Láser Radial disputaron un total de dúas mangas.
Jaime e Alfonso Leirós cólganse o ouro na Copa de España de Vaurien
A frota de Vaurien era a primeira en saír á auga e pouco despois das 10:30 horas escoitaba o bucinazo de saída á primeira proba do día. Coa clasificación candente, os irmáns Leirós saíron a defender o liderado conscientes de que aínda quedaban descartes en xogo.
Tres novas probas foron as encargadas de decidir os novos campións da Copa de España de Vaurien e finalmente foron Jaime e Alfonso Leirós os vencedores da cita. Os representantes do Real Club Náutico de Sanxenxo lograban a vitoria das dúas primeiras mangas disputadas e, de paso, asegurábanse o triunfo final.
Tras Jaime e Alfonso Leirós, Andrés Vieitez e Adriana Martínez cólganse a prata mentres que Antonio e Jacobo Pérez completan o caixón de honra.
En categoría feminina, as viguesas Alejandra Suárez e Helena Pérez cólganse o ouro da Copa de España de Vaurien por diante de Lucía e Laura Llópiz.
Os irmáns Jaime e Alfonso Leirós logran, ademais, a vitoria do Trofeo Martín Barreiro na clase Vaurien seguidos de Antonio e Jacobo Pérez e Pablo Cabello e Javier Lago.
Adrián Domínguez e Calixto Abalo, campións galegos de 420
A última xornada de competición do Campionato Galego de 420, cita que se disputou no marco da Semana do Atlántico Cidade de Vigo, deixou moitas sorpresas e os vilagarcianos Adrián Domínguez e Calixto Abalo escalan posicións e cólganse o ansiado ouro.
Os regatistas do L.C. Vilagarcía asinaron unha xornada excepcional e cunha vitoria parcial e un segundo posto nas probas do día soben ao máis alto do caixón cunha vantaxe de seis puntos sobre os portugueses Gonçalo Pinho e Miguel Hipólito. Finalmente, o bronce da Semana do Atlántico Cidade de Vigo en 420 foi parar ás mans dos tamén portugueses Manuel María e José María Cunha.
Esteban Martínez, vencedor en Láser 4.7
Poucos cambios na xeral de Láser 4.7 despois de completar dúas mangas. Os regatistas coruñeses copan o podio da Semana do Atlántico Cidade de Vigo XXXVIII Trofeo Martín Barreiro con Esteban Martínez de la Colina no máis alto do caixón.
O coruñés asinou dúas vitorias parciais, máis que suficiente para colgarse o ouro con cinco puntos de vantaxe sobre Nicolás Vázquez, segundo na cita viguesa. O seu compañeiro no Club Marítimo de Oza O Puntal, Gustavo Maison, completa o podio.
Álvaro Míguez, invicto en Láser Radial
Recital do coruñés Álvaro Míguez, quse sumou dúas vitorias parciais máis á súa cuadrícula despois dos tres primeiros postos que lograba onte en augas da ría de Vigo.
Tras el, duro man a man o que mantiveron Pablo Leiro e Daniel Menéndez. O representante do Real Club Náutico de Sanxenxo levouse o gato á auga e escala ata a segunda praza do caixón de honra tras asinar un terceiro e un segundo. Pola súa banda, Daniel Menéndez, do Club Astur de Regatas, cólgase o bronce provisional da Semana do Atlántico Cidade de Vigo.
Daniel Álvarez, sen rivais en Láser Estándar
Un día máis Daniel Álvarez mostrou todo o seu potencial en augas da ría de Vigo ao sumar dúas vitorias parciais máis á súa cuadrícula. O regatista do Real Club Náutico de Portosín logrou a vitoria de todas e cada unha das mangas disputadas na Semana do Atlántico Cidade de Vigo e cólgase o ouro de Láser Estándar. Tras el, o portugués Serafim Gonçalvez e o vigués Iago Carballo completan o caixón de honra.
César Fernández Cervera e Pedro Yáñez lévanse o ouro en Snipe
César Fernández Cervera e Pedro Yáñez lograron o ouro da clase Snipe de la Semana del Atlántico Ciudad de Vigo XXXVIII Trofeo Martín Barreiro. Os vigueses asinaron dúas vitorias parciais e un segundo posto que lle colocan no máis alto do caixón de honra por diante de Patricio de Feixe e María Lamas, que ascenderon ata a segunda posición. Os tamén vigueses Pablo Leite e Elena López completan o podio.
Gabriel e Ana Mantilla mandan en Cadete
Gabriel e Ana Mantilla colgáronse o ouro en clase Cadete tras completar tres mangas nas que os vigueses asinaron unha vitoria parcial e dous segundos postos. Tras eles, Juan Alonso Sánchez-Agustino e Ernesto Troncos e Jorge Pastoriza e Nicolás Souto completan o caixón de honra da Semana do Atlántico Cidade de Vigo.
O Meeting Internacional de Optimist, próxima cita da Semana do Atlántico Cidade de Vigo
A próxima cita da Semana do Atlántico Cidade de Vigo é o prstigioso Meeting Internacional de Optimist, que reunirá máis de 200 regatistas vidos de toda Europa.
A cita, a partir do próximo venres día 1 de novembro.











