Infraestructuras empeza a mellora da accesibilidade en catro barrios da cidade
O Concello da Coruña empeza hoxe, luns 21 de outubro, o proxecto de mellora da accesibilidade, incluído dentro do plan Urbana C e que recolle a execución de preto dun centenar de obras que favorecerán a mobilidade en catro barrios da cidade: Agra del Orzán, O Ventorrillo, Riazor e San Pedro de Visma.
Este programa de mellora da accesibilidade executarase nun prazo de seis meses. O presuposto final destas obras, financiadas pola Unión Europea a través dos fondos FEDER, alcanza os 306.273,94 euros, o que supón un aforro do 26% con respecto ao investimento previsto no proceso de licitación. En total, presentáronse 16 empresas. As obras empezan hoxe na rolda de Outeiro, no cruzamento con Luis de Camoens e coa travesía Antonio Pedreira Ríos.
O proxecto do departamento de Infraestructuras permite solucionar problemas puntuais na mobilidade, coa mellora de beirarrúas e espazos públicos na Agra do Orzán, O Ventorrillo, Riazor e Visma. O Goberno municipal executará 90 actuacións -das que 15 serán en paradas de autobús-, ademais doutras accións concretas en cruces como o da avenida de Finisterre coa rolda de Nelle e coa praza do Castelo de Olite.











