India Martínez presenta o seu último traballo discográfico na Ágora da Coruña
A Concellaría de Cultura informa de que India Martínez presentará na Ágora o seu último disco Otras verdades dentro do ciclo Música con Estrela, este venres 11 de outubro, ás 21.30 horas.
A cantante, nominada aos Grammy latinos 2013 na categoría de “mellor álbum vocal” polo seu disco Otras verdades, con versións de cancións de Manolo García, Alejandro Fernández, Camila, Mecano ou Camarón da Illa, e co toque persoal da cantante na que a súa voz mestura á perfección a fusión de flamenco e pop que o caracteriza. Outras verdades é un álbum no que India Martínez revisa, recrea e fai súas moitas das súas cancións favoritas compostas por outros autores.
India Martínez é unha artista de encanto especial. O seu xeito de interpretar marabilla en distancias curtas e prende en grandes audiencias. Con Otras verdades mantén a súa capacidade de fascinar e emocionar coa súa voz e a súa altura interpretativa. Recrea as cancións, rodéaas, envólveas coa súa voz e lévaas a outro lugar, a un mundo propio, diferente e único. Todo cun acompañamento leve, elegante, sutil, buscando a esencia, deixando a voz libre, capaz do murmurio ou da esgazadura, sempre buscando a expresión máxima. India Martínez fai unha creación de cada tema.
As entradas para o concerto de India Martínez no Centro Ágora da Coruña xa están á venda a través de internet en www.servinova.com a un prezo para anticipada de 20 euros máis gastos de xestión e a un prezo de 25 euros en despacho. Tamén existen descontos para desempregados e xubilados ou presentando o carné novo. A apertura de portas será ás 21:00 horas comezando o concerto ás 21.30 horas.











