publicidade hoxe

Inaugúrase o campo de fútbol de herba sintética de Moraña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMorañaPontevedra
A-
A+
Inauguración do campo de fútbol de Moraña

Inauguración do campo de fútbol de Moraña

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, inaugurou o campo de fútbol de herba sintética de O Buelo, no concello de Moraña, nun acto no que tamén participa o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e que vai culminar cun partido entre o Moraña CF e o Ribadumia CF.

A nova infraestrutura, na que a Deputación investiu case un millón de euros (999.561,23 euros), permitiu a reforma completa do campo de terra situado en O Buelo: ampliouse o terreo, dotouse de céspede artificial de última xeración e construíuse unha nova edificación de vestiarios e bancadas.

As obras incluíron a demolición do edificio existente, dedicado a vestiarios, e a construción de dúas novas edificacións; dotouse o campo de bancadas cubertas con capacidade para 360 espectadores, de vestiarios e aseos para os árbitros e xogadores, así como de control de acceso, oficinas, baños públicos adaptados ás persoas con mobilidade reducida, sistema de rego automático para o campo de fútbol, con seis canóns de auga, iluminación por medio de catro torres de iluminación de 18 metros, e diverso equipamento. A maiores, procedeuse a un novo peche da parcela e á pavimentación das áreas do contorno do campo.

No tocante ó terreo de xogo remodelouse o vello campo de fútbol: eliminouse a súa pendente pronunciada, corrixíronse as irregularidades do terreo, ampliáronse as súas medidas e colocouse o céspede artificial.

Tras as obras, o campo –marcado para un campo de fútbol 11 e dous transversais de fútbol 7– conta cunhas medidas de 100 x 60 m; a isto hai que engadir as bandas de protección de 1,5 m, nos laterais, e de 2,50 m, nos fondos, ata acadar unhas medidas totais de 105 x 63 m2.

Trátase dun novo investimento da Administración provincial en infraestruturas deportivas, que se suma ó realizado en practicamente todos os concellos da provincia, á achega que a Administración provincial fai ós clubs e deportistas, así como ás 250 escolas deportivas que ten distribuídas por toda a provincia. Neste sentido, o concello de Moraña conta con cinco escolas deportivas: dúas de patinaxe e unha de fútbol, judo e balonmán.

12 de outubro de 2013 | 01:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.